18 DE ABRIL DE 2011
Nunha fría e soleada mañá achegámonos á lagoa de Fuente de Piedra, no nordeste da provincia de Málaga. É unha enorme superficie de auga salgada e pouco profunda onde vive e se reproduce unha importante colonia de flamencos, así como outras aves propias de estes ecosistemas.

A lagoa foi explotada como salina ata ben entrado o século XX, e foi despois do seu abandono industrial cando os animais voltaron pouco a pouco, ata que as distintas administracións decretaron a súa protección como Reserva Natural e se acometeron obras de saneamento no seu entorno. Actualmente alberga a maior colonia de flamencos da península ibérica e a segunda máis importante de Europa.

É un espectáculo ver tan de preto estas enormes aves de extravagante colorido. Os flamencos comen tranquilamente pequenos seres vivos que filtran das augas do fondo, e de vez en cando botan a voar en grupo e amosan un colorido aínda mais bonito.

Pola tarde fumos ver o Torcal de Antequera, unha zona montañosa situada tamén no nordeste de Málaga. É unha paisaxe kárstica moi coñecida pola súa especial xeoloxía. Está formada por estratos horizontais de rocha caliza con diferente resistencia á erosión, o que da lugar a paisaxes de fantásticas formas.

Ademais tivemos a sorte de coincidir no Centro de Interpretación do Parque con unha raposa moi habituada á presencia humana, que se deixaba fotografiar polos visitantes e se achegaba ao persoal do centro para coller a comida que lle ofrecían.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *