29 DE OUTUBRO DE 2011
Aproveitamos estes días de ponte para camiñar no outono asturiano. Gústanos vir a Asturias porque queda cerca de Galicia, a paisaxe é moi bonita e ten unha montaña bastante asequible.
A primeira ruta que escollimos foi en Somiedo. Grazas á información obtida en lasrutasdemontedesantos.blogspot.com atrevímonos a facer un percorrido circular duns 20 km que unía tres cimas. Resultou ser algo duro porque non hai camiño definido e o trazado da ruta non está sinalizado, o que obrigaba a consultar o mapa cada pouco tempo para saber por onde tiñamos que ir. Ademais, o desnivel non era pouco.
Comezamos en Valle de Lago, un pequeno pobo situado nun extremo dun fermoso val glaciar.
Despois dunha subida chegamos á Veiga de Camayor, unha zona de prados encerrada entre montañas que se ve moi ben desde a primeira cima da ruta, o Picu Tarambicu (1912 metros).
Cruzamos a veiga e continuamos o ascenso ata a lagoa de Cebolleu, con pouca auga.
Aquí nos encontramos cun grupo de rebecos movéndose lixeiros polas pedregosas ladeiras que nos tan traballosamente tiñamos que subir.
Os dous Picos Albos, Oriental e Occidental, eran o noso seguinte obxectivo. Primeiro subimos ao Oriental (2103 metros) e despois ao Occidental(2071 metros), que ofrece unhas magníficas vistas de Valle de Lago e a súa morfoloxía glaciar.
Desde aquí tomamos esta imaxe dun voitre voando sobre as montañas.
Iniciamos un duro descenso desde o cumio ata o lago. Desde éste ata o pobo só quedaba un cómodo paseo a través do val.