25 E 26 DE XULLO DE 2012
O cráter Haleakala, situado no Parque Nacional do mesmo nome, non é un cráter. A historia comeza coa formación de Maui, que como todas a illas hawaianas non é máis que un volcán que crece ata que emerxe sobre o nivel do mar. Este volcán alcanzou no pasado unha altura de 4000 m, pero no momento en que cesou a actividade volcánica empezaron a traballar as forzas erosivas. A chuvia foi rebaixando a altura da montaña e excavando multitude de vales fluviais nas ladeiras ata que as cabeceiras de dous destes ríos confluiron abrindo un enorme val na súa cima. Este val é o que agora se coñece como cráter Haleakala.
Pero a conto non acabou así, porque despois da formación do val o volcán se reactivou formando varios conos de cinzas e coladas de lava dentro do “cráter” Haleakala. A súa última erupción foi en 1790 e non se pode considerar apagado porque o tempo que pasou desde entón é pequeno en termos xeolóxicos.
Baixamos desde o borde do cráter ata o cono Ka Lu’u o ka O’o seguindo un dos varios sendeiros que percorren o Parque Nacional.
A cima aínda está hoxe a máis de 3000 m de altitude e o clima é moi frío e árido, a uns poucos kilómetros da vexetación tropical da costa. Nestas condicións extremas vive a “espada prateada” (Argyroxiphium sandwicense), unha das plantas máis escasas do mundo pois só existe nas cimas hawaianas máis altas. As espadas prateadas poden tardar ata 50 anos en botar unha única e enorme flor, e despois a pranta morre.
nom sei como será na realidade, mas luzem muito mais as fotos dos espaços desérticos que a exuberância tropical. a da flor única é bem bonita!
O bosque é moi bonito pero mais dificil de fotografiar: hai moita menos luz, os contrastes lumínicos son maiores e habitualmente está nubrado ou chove.