12 DE XULLO DE 2012  

Só 20 persoas ao día poden visitar a zona semi-desértica de Coyote Buttes North en Utah.  Sortéanse dez permisos por internet con catro meses de anticipación e os outros dez o día anterior no centro de visitantes. Non tivemos sorte no primeiro dos sorteos, así que asistimos ao segundo xunto con outras 22 persoas interesadas en visitar o lugar. Dous gardas encargáronse de explicar o procedemento para o sorteo que se efectuou á vista de todos os presentes. Desta vez sorriunos a fortuna e obtivemos o permiso para facer unha ruta polo lugar. Despois do sorteo os elixidos recibimos un mapa (non dispoñible para o público xeral) coas instruccións secretas para chegar a The Wave.
E que é The Wave para despertar tanto interese e merecer tanta protección? Pois é un pequeno espazo de areniscas excavado e pulido pola auga e o vento, de formas onduladas e colores cálidos, tan irreal que é imposible imaxinar algo así antes de telo visto.
Para chegar ata alí hai que camiñar durante dúas horas polo máis parecido a un deserto que vimos nesta viaxe: area, dunas, pedras, cauces secos, arbustos mortos.
Non hai camiño marcado, de ahí que sexa tan importante ter as instruccións para chegar. A ida xa merece a pena en sí mesma, polo desafío de orientarse e polas bonitas formas das rochas e montañas que parecen un avance do que nos espera máis adiante.
Pero entrar en The Wave é como entrar nun soño. Camiñar polas ondas amarelas,rosas, brancas e laranxas, atopar debuxos abstractos nas súas paredes, observar como as sombras e as luces dan forma as formas, …
Resulta sorprendente como nun espazo de tan poucos metros se poden encontrar tantos rincóns distintos con só un pequeno cambio de perspectiva. É case adictivo mirar e sacar fotos a cada metro cadrado e parece que nunca o acabas de mirar de todo.
Un dos gardas explicou que se impoñía un límite de visitas por dous motivos principais: protexer as fráxiles rochas e garantizar que os poucos e afortunados visitantes teñan unha experiencia única nun espazo natural e salvaxe, marcando a diferencia coa visita que se pode facer no cercano Antelope Canyon.

Tamén pode gustarche...

2 comentario

  1. Simplemente alucinante! Que a fortuna vos siga sorrindo na viaxe!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *