5 E 6 DE AGOSTO DE 2012
Os nosos dous últimos días en Hawaii pasámolos buceando e aprendendo algo máis sobre a historia dos hawaiianos.
Subimos a un barco outra vez para participar nunha das actividades máis extrañas e sorprendentes que ofrece esta illa: bucear con mantas xigantes pola noite. Estas mantas teñen unha envergadura de 3 a 6 metros, aliméntanse de plancton e non teñen dentes nin arpón polo que son totalmente inofensivas a pesar do seu tamaño e do seu aspecto impoñente. Con focos e linternas sumerxibles atráese ao plancton, e as mantas acuden a comelo ignorando á multitude que se concentra na auga para velas. Cos movementos circulares que fan para recoller o plancton coa súa enorme boca sempre aberta vanse achegando a xente ata case rozala.
O parque histórico de Pu`uhonua o Honaunau contén restos arqueolóxicos e reconstruccións actuais dun templo e lugar de residencia da clase dirixente que gobernaba esta illa antes da chegada dos europeos.
Daquela había un sistema de normas moi ríxido chamado kapu (tabú) que impedía por exemplo que a xente común poidese pisar a sombra dun xefe ou as súas pegadas, ou recoller leña e pescar en épocas prohibidas. Aqueles que violaban o kapu eran condenados a morte, aínda que tiñan unha maneira de evitar a sentencia: chegar o templo para obter a absolución dun sacerdote. Pero o templo estaba rodeado por guerreiros e só se podía chegar a el nadando nun mar con perigosas correntes, grandes olas e tiburóns.

Este sistema relixioso chegou ao seu fin a mediados do século XIX cando, tras o contacto occidental, un rei prohibiu a antiga relixión e o seu pobo adoptou o cristianismo.
O primeiro occidental que chegou a Hawaii foi o Capitán Cook a finais do século XVIII. Pasou uns días en Big Island, onde tanto el como a súa tripulación foron recibidos con hospitalidade. Cando marchaba da illa, unha tormenta obligouno a regresar e isto foi tomado polos hawaiianos como un mal augurio. Producíronse algúns desencontros que rematoron coa tripulación de Cook disparando e matando a dúas persoas. A multitude abalanzouse entón sobre o Capitán, acuchillouno ata a súa morte e desmembrou o seu corpo, que só foi recuperado en parte pola tripulación. Estes feitos aconteceron en Kealakekua Bay, a onde se pode chegar andando ou en kayak. A bahía é ademáis un dos sitios máis espectaculares para bucear, con montañas de coral a escasa profundidade e peces multicolores. Tamén atopamos unha tartaruga mariña tomando un descanso nunha praia da zona.

Tamén pode gustarche...

2 comentario

  1. Impresionante o primeiro vídeo! Aínda que non sexan perigosas, a verdade é que dá medo!

  2. que passada! vem-se-lhe as espinhas por dentro da boca!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *