14 DE ABRIL DE 2014
O noso destino nesta Semana Santa foi Sicilia, e fixemos un percorrido que comprendeu gran parte desta illa do Mediterráneo para visitar pobos pintorescos, antigas cidades gregas e volcáns activos.
Aterramos en Palermo e no camiño do aeroporto ao centro da cidade comprobamos que a forma de conducir nesta rexión é moi caótica e diferente ao que coñecemos do mundo occidental. Non é a única cousa que fai diferente esta cidade doutras cidades europeas: a suciedade, o ruído, o abandono, a ruína e a miseria forman parte da paisaxe urbana e fan pensar nunha cidade desgobernada, que aínda non se recuperou das décadas que pasou en mans da Mafia.
Pero a pesar de todo isto, é unha cidade na que nos sentimos a gusto, chea de vida e con moitos monumentos que testemuñan a súa intensa historia de case tres mil anos: fenicios, cartaxineses, romanos, vándalos, ostrogodos, bizantinos, árabes, normandos, alemáns, franceses e españois deixaron nela a súa pegada.
A maioría dos barrios do centro histórico están formados por destartalados edificios nunha maraña de estreitas rúas polas que apenas cabe un coche. Pero nas avenidas máis importantes estase levando a cabo un proxecto de rehabilitación dos abandonados palacios dos séculos XVIII e XIX, e algúns están sendo convertidos en hoteis, tendas de moda e restaurantes. Nós aloxámonos no último piso dunha destas vellas mansións, e disfrutamos coas vistas da cidade a primeira hora da mañá desde o balcón da nosa habitación.
No ano 831 os árabes conquistaron Palermo e a cidade floreceu ata o punto de chegar a competir con Córdoba e O Cairo en grandeza e esplendor. Cando os normandos a invadiron en 1072 quedaron impresionados coa súa beleza e elixírona como capital do seu reino. O período normando (1072-1194) foi a idade dourada de Palermo, que se converteu nunha das cidades mais cultas e cosmopolitas de Europa.
Unha das grandes obras que se levaron a cabo durante o período normando foi a Catedral de Monreale, situada a 8 km de Palermo e rematada en 1186 como símbolo da ambición do rei Guillermo II e da grandeza da cultura da súa época. As paredes do seu interior están recubertas de refulxentes mosaicos de influencia bizantina que narran historias do Antigo e Novo Testamento.
No friso superior, a creación. No inferior, o diluvio universal.
No friso superior, a creación. No inferior, historia de Noé.
Son tamén desta época as preciosas portas de bronce divididas en 42 recadros con escenas bíblicas en relevo.
Ao tempo que se construía a Catedral de Monreale, o arcebispo de Palermo mandou construír na cidade outra catedral igual de grandiosa para demostrar o seu poder fronte ao rei. Levantouse sobre unha antiga mesquita e sufriu desde entón numerosas modificacións.
O centro da corte medieval de Sicilia era o Palacio dos Normandos, un palacio-fortaleza que hoxe é a sede do Parlamento siciliano. A súa Capela Palatina está tamén recuberta de mosaicos, algo anteriores aos de Monreale. Non só as paredes están completamente decoradas, o teito tallado en madeira e as columnas e o chan con incrustacións de mármore mostran a pervivencia da tradición musulmá cos normandos.
No antigo dormitorio do rei os mosaicos abandonan a temática relixiosa e mostran pavos reais, leopardos, centauros, cisnes, leóns e palmeiras, deixando clara unha vez mais a influencia oriental e o cosmopolitismo da corte normanda.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *