18 E 19 DE ABRIL DE 2014
A cidade de Catania non ten, desde o noso punto de vista, ningún atractivo turístico aparte do seu emprazamento aos pés do Etna, que xurde ameazadoramente no horizonte en practicamente calquera lugar da costa este de Sicilia.
A zona costeira inmediatamente ao norte de Catania recibe o nome de Ribeira dos Cíclopes, pois, segundo a Odisea, os farallóns que emerxen da auga foron lanzados ao mar polo cíclope Polifemo para tratar de evitar que Ulises fuxira. En realidade son columnas de basalto solidificado no fondo do mar a partir do magma que saía dunha fisura submarina.
![]() |
Castelo normando construído sobre o basalto |
Siracusa foi a cidade grega máis importante de Sicilia e a segunda máis antiga, fundada en 734 a.C, tan só un par de anos despois de Naxos. Nela naceu e morreu Arquímedes, cuxos enxeñosos inventos tiveron un papel protagonista na defensa da cidade durante o longo asedio ao que a someteron os romanos no 212 a.C.
O monumento máis destacado de Siracusa e un grande teatro grego moi ben conservado. Lamentablemente, o día da nosa visita estaba totalmente recuberto con gradas de madeira e un escenario moderno en espera dunha actuación. Preto do teatro están as antigas canteiras de onde os gregos extraían a pedra e que tamén servían para encerrar aos prisioneiros que usaban como man de obra.
Unha vez conquistada a cidade, os romanos levaron a cabo grandes obras públicas, entre elas un anfiteatro do século III utilizado para loitas de gladiadores e carreiras de cabalos.
Siracusa conta con outros atractivos independentemente do seu pasado clásico. Fermosas prazas, calexas medievais e unha catedral barroca construída sobre un templo grego do que poden verse aínda as columnas incrustadas nun lateral da catedral.
Akrai foi unha colonia fundada por Siracusa no interior da illa para defender as rutas comerciais terrestres. Consérvanse moi ben o pequeno teatro da cidade, do século III a. C, e un baixorelevo dun banquete do século I a. C que mostra xa unha mistura de modelos gregos e romanos.
As canteiras gregas de Akrai foron posteriormente reconvertidas en cámaras funerarias cristianas do período bizantino.
O 11 de xaneiro de 1693 un devastador terremoto deixou en ruínas a maioría das cidades do sureste de Sicilia e matou a unhas 60000 persoas. Houbo que reedificar moitas cidades e os urbanistas aproveitaron para levar a cabo un intenso plan de reconstrución en estilo barroco. Noto é o produto desta reconstrución, unha cidade agradable e homoxénea, con edificios elegantes en pedra amarela e prazas franqueadas por ostentosos palacios e enormes igrexas.