15 DE ABRIL DE 2014
Iniciamos a nosa ruta polo occidente de Sicilia en Castellammare del Golfo, unha tranquila vila mariñeira cercana a Palermo. Na antigüedade foi un porto fundado polos élimos, pobo que habitou no oeste de Sicilia e que se proclamaba a si mesmo descendente dos troianos. Unha das principais cidades élimas foi Segesta, situada cara o interior e rodeada dunha paisaxe agreste e montañosa. Os élimos adoptaron moitos aspectos da cultura grega, como pode verse nos asombrosamente ben conservados teatro e templo dórico da cidade.
O templo é de finais do século V a.C e nunca foi acabado, debido probablemente a situación de constante conflito que Segesta mantiña coa colonia grega de Selinunte. As súas columnas quedaron sen estriar, nunca se lle puxo teito nin tivo unha cella interior.
O noso camiño continuou pola costa oeste da illa, unha zona de salinas explotadas durante séculos. O sal de Trapani e hoxe moi apreciado polos gourmets, e as montañas de sal e os pequenos muíños de vento conforman unha paisaxe chamativa.
Rematamos o día no xacemento de Selinunte, a eterna enemiga dos élimos de Segesta. Selinunte foi unha colonia grega fundada no século VII a.C e nela levouse a cabo un ambicioso programa de construcción de templos. No ano 250 a.C, cos romanos a punto de tomar a cidade, foi abandonada polos seus habitantes, que antes de marchar destruíron todo o que puideron. Un terremoto na Idade Media acabou co pouco que quedaba en pé, e da maioría dos templos hoxe só queda un impresionante montón de escombros rodeados de flores silvestres.
O templo de Hera foi reconstruido no século XX usando o material orixinal. É o único de todos os templos que vimos en Sicilia no que se pode acceder ao seu interior e disfrutar deste xeito da súa monumentalidade.