16 DE ABRIL DE 2014
Os acantilados da Scala dei Turchi son dunha beleza tan abstracta e singular que case parecen irreais. No fondo non son máis que o produto da erosión mariña sobre as margas que forman a parede do acantilado. As margas, compostas por arxila e calcita, son neste lugar dun branco resplandecente, case cegador, qué é o que as fai tan suxestivas.
A erosión fixo que adquirisen a forma dunha grande escalinata natural, de aspecto suave e ondulado. Precisamente o seu nome significa Escaleira dos Turcos, pois no pasado os piratas sarracenos fondeaban neste lugar para facer as súas incursións pola illa.
Moi preto da Scala dei Turchi está unha das principais atraccións turísticas de Sicilia: o Val dos Templos de Agrigento. A antiga Akragas, fundada no ano 581 a.C, foi unha das principais cidades do Mediterráneo e tiña fama de ser un lugar de diversión. O poeta grego Píndaro escribiu dela que “os seus cidadáns divertíanse coma se non houbera mañá”. Tiña unha amplia zona sagrada con vistas ao mar onde se construíron sete monumentais templos dóricos durante os séculos VI e V a.C.
O coñecido como templo de Hera foi destruído parcialmente por un terremoto na Idade Media, aínda que conserva moitas das súas columnas orixinais.
O templo da Concordia é un dos templos gregos mellor conservados do mundo. As razóns de que chegara prácticamente intacto ata os nosos días son dúas: foi convertido en basílica cristiana e reforzada a súa estructura no século VI e, sobre todo, a rocha sobre a que se asenta ten debaixo unha capa de arxila que actúa como absorbente das sacudidas, protexéndoo así dos terremotos.
O resto dos templos consérvanse en moito peor estado. Entre os ruínas do templo de Zeus Olímpico apareceu un colosal atlante que tiña como misión soportar o peso do edificio. O que se ve agora é unha reproducción, pois o orixinal consérvase no museo de Agrigento.
Unha estrada que cruza o montañoso interior de Sicilia levounos da costa sur á norte da illa, e tamén dos gregos aos normandos nun salto temporal de máis de 1500 anos.
O impoñente castelo de Caccamo foi un baluarte normando construido no século XII sobre un espolón rochoso.
A última visita da xornada tivo tamén un forte sabor medieval. Cefalú é unha pequena e antiga cidade de estreitas rúas empedradas con casas pintadas de cores suaves, apiñadas sobre o porto e a praia. Tamén conta cunha catedral que é outra das xoias da arquitectura normanda.