Val de Pineta |
Deixamos atrás Ordesa para visitar algúns dos outros vales que conforman o parque nacional. Comezamos por Pineta, un enorme e longo val do que só unha pequena parte pertence ao parque. No pasado hospedou unha lingua de xeo de mais de 40 km, que excavou un val en artesa case perfecto. Desafortunadamente, a presencia de neve alterou o noso plan outra vez e impediunos subir ao Balcón de Pineta, parte alta do val desde onde se pode admirar a cara norte do Monte Perdido xunto co seu moribundo glaciar.
A alternativa escollida foi percorrer a faixa Tormosa, senda que vai polo alto da ladeira oeste de Pineta (pero que resultou ser mais difícil do que esperábamos). O camiño comeza achegándose a unha serie de fervenzas que o rio Cinca forma ao saltar os 1200 m de desnivel que separan o Balcón de Pineta do fondo do val.
Circo de Pineta |
Fervenza de Marboré |
Avanzando pola senda disfrutamos dunha boa panorámica dos Llanos de la Larri, que xa percorrimos no 2008. Este é un val glaciar colgado, creado por un afluente do glaciar de Pineta, que por ter menor potencia erosiva non é capaz de excavar tan fondo e deixa un val en “U” mais alto que o principal. Aínda que en todas as montañas moldeadas polos glaciares hai numerosos casos de vales colgados, Pineta e La Larri son o exemplo mais nítido que temos visto. Tamén son impresionantes os canchales situados á dereita de La Larri, formados pola acumulación de gravas e pedras arrancadas á montaña polos procesos actuais de xeo-desxeo.
O pequeno val colgado de La Larri |
Acabando o roteiro atopámonos que o rio Cinca levara parte do camiño, recordándonos outra vez o agresivo que é este entorno en canto a meteoroloxía se revira un pouco.
Aquí houbo un camiño |
Ao día seguinte camiñamos para descender á garganta de Escuaín, un precioso barranco escondido entre os grandes vales do entorno no que atopamos moita xente practicando barranquismo. A aldea de Escuaín, que está situada xusto no límite do parque, conta con bos accesos e servizos pero está prácticamente deshabitada e non ofrece nada a quen a visita, agás un pequeno e atractivo paseo polos seus miradores para observar voitres e quebrantaósos.
Garganta de Escuaín |
A soleada e calurosa xornada rematámola en Aínsa, pequena e bonita vila situada na parte baixa de Pineta que ademais acolle ao excelente Centro de Visitantes do Geoparque de Sobrarbe.
Como remate desta viaxe pirenaica, pasamos á vertente francesa da cordilleira, para ver a outra cara das mesmas montañas que visitamos días antes. Cambiar á cara norte da Brecha de Rolando supón 3 horas de coche e pasar varios portos de montaña, entre eles o famoso Tourmalet. Alí, ademais de compartir a estrada con numerosos ciclistas, presenciamos como os voitres descobrían os restos dunha ovella morta que devoraban en poucos minutos, dando mostras de certa agresividade entre eles.
Por último, chegamos ao circo de Gavarnie, situado na cara norte do macizo de Monte Perdido, desde onde un pequeno rio cae 400 m formando unha fervenza que se publicita como a máis alta de Europa. Cando se conxela no inverno convirtese nun dos mellores destinos para practicar escalada en xeo.
Finalmente, desde Gavarnie subimos a Col de Tentes co coche para botarlle un vistazo ao outro lado da Brecha de Rolando, onde os neveros nunca se derreten e aínda se lles pode chamar glaciar.