10 DE AGOSTO DE 2014
Adicamos case unha xornada a cruzar desde Java ata o noso destino en Bali. Primeiro cambiamos de illa en ferry, logo collimos un autobús tan ateigado que a xente ía no pasillo sentada en taburetes, e finalmente un taxi para chegar a Ubud. Este turístico pobo sería o noso lugar de residencia durante catro días pola súa cómoda ubicación preto de diferentes puntos de interese. Acordamos cun taxista un itinerario de 3 días para visitar maioritariamente templos hinduístas e arrozais, que é o mais característico de Bali ademais do turismo de sol, praia e surf.

A diferencia de Borneo e Java, que profesan maioritariamente a relixión islámica, Bali é fervorosamente hinduísta. A relixión vívese intensamente: cada casa ten un templete propio adicado a un dos seus moitos deuses, fanse ofrendas a diario nas rúas, coches, altares, árbores e estatuas, nos templos celébranse multitudinarias cerimonias e é frecuente atoparse con unha procesión pola rúa. O hinduísmo balinés ten características propias que o fan diferente ao da India. É unha relixión politeísta na que se adora aos bos espiritus e se tenta apaciguar aos malos e a súa iconografía está chea de monstruos de apariencia terrorífica.

O milenario conxunto de templos de Goa Gajah foi a nosa primeira parada. O de maior fama é unha cova excavada na rocha á que se accede a través da boca dunha grotesca criatura. Outros templos, xardíns e estanques completan o santuario destinado a manter alonxados aos malos espíritos.
Logo fumos a Gunnung Kawi, un complexo funerario adicado a varios membros da realeza balinesa do século XI. Pero o máis bonito deste monumento é a súa situación no frondoso val dun río rodeado de bancais de arroz.
 
Moi cerca está Tirta Empul, cun manancial sagrado onde acuden en masa os devotos para purificarse. Había moita xente partipando nas cerimonias especiais que tiñan lugar ese día debido á lúa chea.
A última parada da xornada foi nos arrozais de Tegallalang. Xa tiñamos visto moitos campos de arroz, tanto en Java como en Bali, pero estes resultaron ser os máis laberínticos e escalonados, ademais dos primeiros polos que puidemos pasear. O cultivo de arroz require terreos constantemente anegados, polo que as parcelas deben ser horizontais e contar cun complexo sistema de canalización da auga. A combinación da paisaxe fortemente humanizada coa exuberancia tropical do entorno da como resultado un conxunto moi fotoxénico, que semella ser un xardín mais que un espazo agrícola.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *