A finais do século XVI uns comerciantes holandeses comezaron a instalarse en Indonesia para arrebatarlle o comercio das especias a portugueses, chinos e indios. Foron expandindo o seu control ao longo do tempo e en 1800 a coroa holandesa asumiu a propiedade deste territorio converténdoo nunha colonia. Ao longo do século XIX os holandeses extenderon o seu dominio a case todo o arquipélago mediante acordos coa aristocracia indíxena ou coas armas, impoñendo unha economía de traballos forzosos ao campesiñado próxima á escravitude, que se mantivo ata comezos do século XX. Xapón invade o arquipélago durante a II Guerra Mundial e, tras a rendición xaponesa, os nacionalistas indonesios aproveitan o vacío de poder e declaran a independencia. Holanda envía tropas para recuperar o control e despois de tres anos de guerra, decenas de miles de mortos e baixo unha forte presión internacional, Holanda recoñece en 1949 a independencia de Indonesia.
Bali foi unha das últimas zonas en caer baixo o dominio holandés. O reino de Klungkung era o mais importante de Bali ata que en 1906 foi sometido por Holanda nunha violenta campaña, que rematou cunha batalla suicida na que pereceu a totalidade da aristocracia deste reino balinés. Comezamos o noso día visitando o complexo palacego, do que só queda o pequeno pazo de xustiza con un bonito teito cuberto de pinturas da mitoloxía balinesa.
Indonesia
Bali (II): Os últimos reis balineses
11 DE AGOSTO DE 2014
Continuamos ata Pura Besakih, o conxunto de templos hinduístas mais importante de Bali. Seguían as celebracións coincidentes coa lúa chea e había unha multitude de persoas participando en cerimonias, ofrendas e rezos no medio dun ambiente festivo, semellante a unha romaría. As pagodas, chamadas meru, son altares que honran a reis, espíritos ancestrais e deuses da natureza. A cantidade de teitos é un número impar entre 3 e 11, dependendo da importancia da deidade.
Rematamos o noso percorrido nos templos de Pura Kehen e Pura Dalem Penunggekan. O primeiro é unha versión en pequeno de Pura Besakih, e o segundo ten interesantes relevos no seu muro exterior.
A última hora da tarde regresamos ao noso aloxamento en Ubud. Aínda que a localidade está moi orientada cara o turismo e as súas rúas están cheas de occidentais, é un lugar agradable con moitos restaurantes de coidada e exótica aparencia. Esa noite ceamos nun local con vistas a un estanque e a un escenario no que se representaba unha danza balinesa.