Os colonizadores portugueses do século XVI puxeron á illa o nome de Flores pola exuberancia dos seus bosques, e na actualidade a poboación segue sendo católica e se bautizan con nomes portugueses moi familiares para nós. Flores carece de servizos para o turismo, exceptuando a vila de Labuan Bajo no seu extremo occidental, que se usa como base para achegarse ás illas que conforman o Parque Nacional de Komodo.
Decidimos coñecer tamén unha parte menos visitada da illa, e desde Bali aterramos en Maumere para desprazarnos en taxi durante 3 días ata Labuan Bajo, circulando por unha estrada de montaña estreita e chea de curvas. A paisaxe é montañosa, selvática e agrícola, o clima é mais frío e húmido, e é evidente o maior nivel de pobreza dos seus habitantes, comparado co que puidemos ver en outras illas de Indonesia.
A nosa primeira parada foi no volcán Kelimutu, que ten na súa cima tres cráteres inundados de auga con cores cambiantes e diferentes, pero a espesa néboa e a chuvia impedíronnos ver nada desta paisaxe. Continuando o noso camiño, detivémonos nun pequeno mercado agrícola no que mercamos salak, a “froita de pel de serpe”, un extrano produto de sabor suave e delicioso.
Aproveitamos para comela un descanso que fixemos nunha solitaria praia de area negra e pedras azuladas.
Detivémonos tamén nun mirador desde o que se aprecia a curiosa estrutura duns arrozais en forma de tea de araña.
Logo de tres días de viaxe esgotador chegamos a Labuan Bajo á primeira hora da noite, polo que non tivemos mais opción que durmir nun hotel coas peores condicións hixiénicas da viaxe. Ao día seguinte resarcímonos nun bonito hotel con vistas espectaculares da bahía de Labuan Bajo.
Pola noite entretivémonos un bo rato observando o comportamento dun grupo de geckos, habituais en toda Indonesia e que emiten extranos sons que non identificamos como deles ata ese momento.