18 E 19 DE AGOSTO DE 2014
O océano entre Flores e Sumbawa está salpicado por decenas de illas de diferente tamaño, áridas, con manglares nos seus areais e rodeadas por arrecifes de coral. Algunhas delas conforman o Parque nacional de Komodo, único lugar no que habita o dragón de Komodo, o lagarto máis grande do mundo.

En Labuan Bajo hai numerosas empresas que ofertan viaxes en barco de 1, 2 ou máis días para visitar as illas de Rinca e Komodo, as únicas visitables das 4 nas que habita o dragón. Estes cruceiros tamén inclúen a posibilidade de bucear en algúns dos arrecifes de coral mais bonitos da zona. Este é un dos mellores lugares do mundo para a práctica do submarinismo, e moitos turistas veñen aquí por este motivo.

Manglares en Rinca
Decidimos facer un cruceiro privado de 2 días en un pequeno barco con dous tripulantes que nos levaría ata Rinca o primeiro día e Komodo o segundo, ademais de bucear en dous lugares diferentes.

Ao noso barco levoulle dúas horas chegar a Rinca, onde fixemos unha ruta de hora e media acompañados por un garda do parque armado cunha vara, pois non se permite que os turistas camiñen sós pola illa. O dragón é un animal moi perigoso, con grandes garras e forte mandíbula, capaz de correr tan rápido como un ser humano, matalo e comelo se o pilla desprevido. Aliméntanse de grandes presas como cervos e búfalos, aos que non teñen porqué atrapar xa que a súa mordedura é moi infecciosa e probablemente velenosa e as presas morren ao cabo duns días con só recibir un dentada. Machos e femias son caníbales, e as nais poden comer ás súas propias crías en canto nacen. Por este motivo as crías viven subidas ás árbores ata que alcanzan un tamaño suficiente para defenderse.

Nada máis chegar a Rinca vimos como un dragón trataba de aproximarse a un cervo sen éxito. Logo vimos varios máis repousando tranquilamente ao lado da cociña dos gardas, á que se achegan atraídos polo cheiro a comida que son capaces de percibir a quilómetros de distancia. Máis adiante unha femia facía garda diante do niño, que consiste nun tobo escavado por un ave e aproveitado despois polos dragóns. O período de incubación dura 9 meses, e as femias defenden os ovos soamente os tres primeiros.

Desde Rinca puxemos rumbo a Komodo, a onde chegamos tras outras dúas horas de navegación. A tripulación botou a áncora en Pink Beach, unha pequena praia na que pasamos un largo rato buceando no seu arrecife.

Esa noite durmimos nunha colchoneta na cuberta do barco nas tranquilas augas dunha bahía da illa.

A mañá seguinte, moi cedo, desembarcamos en Komodo para camiñar na procura dos dragóns, outra vez acompañados dun garda. O máis destacado foi un gran macho que rondaba os 40 anos e que botou a andar pesadamente cara o bosque ao verse rodeado de turistas.

Rematamos a mañá buceando na illa Sebayur, cuns magníficos arrecifes e augas moi cálidas
Despois de comer partimos rumbo a Kanawa, pequena illa na que rematou o noso cruceiro e na que pasaríamos dúas noites aloxados nun bungalow.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *