DE AGOSTO DE 2014
 
Rematada a nosa visita a Borneo, comezamos a segunda etapa da nosa viaxe voando á illa de Java. Na rexión de Yogyakarta atópanse os templos antigos máis importantes de Indonesia, ambos construídos hai uns 1200 anos.
Borobudur é un gran templo budista encravado nunha verde paisaxe rural dominada polo cercano volcán Merapi.

Foi  no seu tempo o centro de peregrinación máis importante do sudeste asiático. Ten unha estructura escalonada formada por nove pisos, os seis primeiros de planta cadrada e os tres seguintes de planta circular. O edificio carece de interior e todos os seus elementos son externos.

Os pisos cadrados están decorados con relevos historiados sobre a vida de Buda, e os peregrinos tiñan que percorrelos meditando en cada panel mentras ascendían á parte superior do templo.

Nos pisos circulares hai numerosas estupas, estructuras de pedra en forma de campá que gardan unha estatua de Buda no seu interior.

 

Actualmente Borobudur é a atracción turística mais popular de Java e atrae a moitísimos turistas, especialmente indonesios. Foi aquí onde descubrimos un curioso costume local: pedirlle aos turistas occidentais que posen para facer unha foto de familia ou grupo con eles. Parece ser que moitos visitantes proceden de zonas remotas e non ven occidentais moi a miúdo.

Logo de encadear tres liñas de autobús chegamos a Prambanan, un conxunto de templos hindúes construídos entre os séculos VIII e X que foron destruídos na súa maioría por un terremoto no século XVI. Os máis importantes foron restaurados, pero un novo terremoto en 2006 produciu danos notables que aínda están sendo reparados.

Todos os templos teñen unha forma moi semellante aínda que con diferentes tamaños e o seu exterior está profusamente decorado con relevos. O interior é moi pequeno e escuro e só contén unha estatua.

Ambos monumentos foron coñecidos no século XIX polos occidentais, que os limparon da vexetación que os cubría e comezaron a interesarse por eles. Agora son Patrimonio da Humanidade e están xestionados correctamente polas autoridades de Indonesia.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *