22, 23 E 24 DE AGOSTO DE 2014
A última etapa da nosa viaxe levounos ata a rexión central da illa de Sulawesi, tamén coñecida por Célebes. Durante tres días, acompañados dun guía local, tivemos a oportunidade de aprender sobre os costumes, creencias e modos de vida dos Toraja, en especial sobre os seus elaborados e insólitos ritos funerarios. Aínda que os Toraja foron convertidos ao cristianismo por misioneiros holandeses a principios do século XX, nunca perderon a súa relixión tradicional, e símbolos das dúas creencias aparecen misturados con total normalidade en igrexas e sepulturas.
O evento máis popular e chamativo deste pobo son os seus multitudinarios funerais. Son cerimonias moi caras, que requiren moitos anos de aforro para poder celebrarse. Os Toraja cren que a morte é un proceso gradual que require tempo ata completarse. Cando unha persoa morre, o seu cadáver é embalsamado e permanece na casa familiar, onde é tratado como se fose un enfermo: recibe as súas racións de comida, comunícanselle as novas importantes … Durante este tempo o espíritu do difunto permanece xunto ao corpo. Cando a familia ten o diñeiro suficiente, cousa que pode tardar meses ou anos en ocorrer, prepárase o funeral, cuxo obxectivo é enviar o espíritu do difunto ao paraíso. Trátase dunha gran festa de seis días de duración, á que acuden centos de invitados. Nela cántase, dánzase, celébranse pelexas de galos e sacrifícanse búfalos e porcos. Canto máis poderosa é a familia do morto, máis búfalos se sacrifícan. O último día do funeral colócase ao difunto nun sarcófago e lévase o lugar do seu repouso final, xeralmente unha cova ou colgado da parede dun precipicio. Cando o sarcófago apodrece, ou cando cae da parede na que está suspendido, os osos e calaveiras quedan espallados pola zona.
Nós asistimos ao quinto día de funeral dun home, que levaba morto dous anos, e da súa muller, morta había tan só catro meses. O ambiente era moi festivo, con gradas instaladas para a evento para albergar ao numeroso público. Era unha famila de clase alta, e 25 búfalos foron degolados aquel día na súa honra.
Outro costume destacado dos Toraja é colocar nos lugares de enterramento tallas de madeira en representación dos difuntos, chamadas
tau tau, algunhas delas moi realistas.
Cos nenos que morrían antes de que lles saíra o primeiro dente levábase a cabo ata fai uns anos un ritual diferente: eran enterrados en ocos feitos no tronco dunha árbore de savia branca. Creian que a savia substituía o leite materno e o espirítu do neno seguía crecendo coa árbore. O tronco da árbore ia cicatrizando co tempo ata acabar por pechar completamente o oco. O último enterramento nesta árbore tivo lugar hai 20 anos.
Pero a singularidade dos Toraja non se basa só nos seus ritos funerarios. As súas casas, coñecidas como tongkonan, son tamén extraordinariamente elaboradas, cun gran tellado en forma de barco e coidados gravados de cores. O prestixio de cada familia mídese polo número de cornamentas de búfalos que adornan a súa casa. A cada casa correspóndelle un graneiro, coa mesma forma pero moito máis pequeno.
Nunha destas aldeas puidemos ver descansando nun bosque de bambú unha colonia de raposos voadores, uns ruidosos morcegos que se alimentan de froita e poden chegar a medir 1.5 metros coas ás extendidas.
Tamén camiñamos polos campos de arroz da rexión, nos que vimos por primeira vez como os labregos lebavan a cabo, de forma totalmente manual, as diferentes labores da recolección do cereal: a sega, o secado, a malla e a limpeza do gran.
E aquí rematamos a nosa viaxe por Indonesia, un país que nos gustou moito, con unha xente estupenda, con unha enorme variedade de paisaxes, monumentos e costumes e con moitos rincóns todavía por descubrir que quedarán para futuras viaxes.