Mallorca

Mallorca (III): Algunhas razóns para visitar esta illa

2, 3 E 4 DE ABRIL DE 2015

Deixamos atrás a serra da Tramuntana para completar a volta arredor da illa, desprazándonos pola costa norte e este onde nos agardaban castelos e murallas medievais, ruinas prehistóricas, lagoas litorais cheas de aves, estupendas calas escondidas e as bonitas covas do Drach.

Cala de S’Illot en Cabo Pinar

Ao sur do cabo Formentor ábrese unha gran bahía que acolle a cidade de Alcudia, lugar onde os romanos fundaron a súa primeira cidade en Mallorca cara o 70 a.C. Conserva unha muralla medieval con portas e torres que rodean as rúas e prazas do casco histórico.

Moi cerca de Alcudia está o Parque Natural de S’Albufera, unha lagoa litoral con moitas aves residentes e migratorias. A través de sendas peatonais pódese acceder a varios puntos de observación desde os que é fácil ver algunhas das 300 especies de aves con presencia no parque. É un espectáculo a observación desde os aguaits, casetas de madeira desde as que se pode contemplar as aves moi de cerca sen ser visto por elas.

Garceta (Egretta garzetta )
Galiñola (Gallinula chloropus)
Pernalonga (Himantopus himantopus)

Continuando a nosa ruta, paramos en dous dos sitios arqueolóxicos mais importantes da illa. A necrópolis de Son Real data do século VII a.C e pertence a cultura talayótica que habitaba as Baleares antes da chegada dos romanos. Forman un apretado conxunto de tumbas de pedra circulares ou en forma de ferradura situadas ao borde do mar.

Da mesma cultura e época é o pequeno poboado de Ses Paisses, onde o mellor conservado é a muralla e a monumental porta de entrada.

Un dos castelos mellor conservados de Mallorca é o de Capdepera, construido no século XIV sobre unha antiga fortaleza árabe. Moi cerca hai un bonito sendeiro costeiro que une varias calas e pequenas praias sen urbanizar.Foi nunha destas calas onde vimos a gaivota de Audouin, facilmente identificable polo pico vermello de punta negra e amarela. É endémica do Mediterráneo e unha das especies de gaivotas mais escasas do mundo, que estivo ao borde da extinción a finais dos anos 60.
Gaivota de Audouin ( Ichthyaetus audouinii)

En moitas praias de Mallorca se acumulan grosas capas de restos vexetais semellantes a algas, pero que resultan ser follas de Posidonia oceánica, unha pranta mariña que vive exclusivamente no Mediterráneo. Esta pranta coloniza os fondos areosos cercanos á costa permitindo que o ecosistema mariño e costeiro se faga mais rico e estable, frena a erosión e contribúe de forma significativa á consolidación da area nas praias.

Cala Matzoc

Unha das maiores atraccións turísticas da illa son as covas do Drach, onde a visita remata cun concerto de música clásica interpretada por un cuarteto a bordo dunha barca a remos que se move lenta e silenciosamente por un lago subterráneo. Das moitas covas que levamos visitadas esta é a única na que está permitido sacar fotos (sen flash e sen trípode).

A nosa viaxe rematou no precioso Parque Natural de Mondragó, no sureste da illa. Un paseo moi agradable une tres paradisíacas calas de augas turquesa rodeadas de pinares.

Esta semana que pasamos en Mallorca permitiunos descubrir unha illa tranquila chea de encantos naturais, diversidade de paisaxes e un patrimonio cultural e tradicional ben coidado. Normalmente asóciase Mallorca cun turismo de sol, praia e alcohol, pero é posible percorrer toda a illa sen coincidir con ese tipo de turismo, que está moi concentrado nuns poucos puntos da costa. Paga a pena vir aquí e disfrutar de todo o que pode ofrecer a illa.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *