Perú

Tres días de aclimatación á altura nos Andes

7, 8 E 9 DE XULLO DE 2015

Con unha viaxe en avión e outra en autobús-cama cambiamos as terras baixas da Amazonía polas montañas tropicais andinas do Callejón de Huaylas. Cando chegamos a Huaraz, a paisaxe cambiara totalmente: altas montañas brancas, aire seco, frio invernal e ladeiras case sen vexetación.
Usamos esta pequena cidade situada a 3100 m de altitude para facer varias excursións pola contorna e co obxectivo adicional de aclimatar o noso corpo ao déficit de osíxeno que existe a medida que se colle altura.

A primeira visita levounos ata as ruínas preincaicas de Chavín de Huántar, non moi ben conservadas debido a avatares históricos e naturais. Foi un conxunto de edificios relixiosos da cultura chavín (1200 – 500 a.C.) presididos por unha pirámide trunca, que estaba adornada con numerosas cabezas de deidades da súa relixión.
Nos anos 20 as ruinas comezaron a ser estudadas e valoradas, e moitas cabezas que estaban en mans dos habitantes do entorno foron recuperadas e expostas nun museo in situ. Pero en 1944, un aluvión que arrasou parte da aldea e lle custou a vida a 500 persoas levou tamén o museo, e hoxe so se recuperaron unha parte desa pezas, que se expoñen nun novo museo. O interior da pirámide de Chavín está chea de galerías e nunha delas aínda se conserva un ídolo de pedra con grabados.
O segundo día viaxamos en autobús ata o glaciar Pastoruri para continuar o noso proceso de aclimatación. Pouco antes de chegar, pasamos por un val onde existe un elevado número de Puya raimondii, unha rara pranta da familia das bromelias. Logo de medrar lentamente durante moitas décadas, a puya bota unha inflorescencia que alcanza rapidamente unha altura de varios metros, produce sementes e morre, tardando varios anos en desaparecer os seus restos.
O autobús levounos ata un aparcamento situado a uns 4800 m de altitude, e o que debía ser un fácil paseo de 2’5 km para achegarnos ao glaciar, converteuse en todo un reto debido á falta de osíxeno. A pesar de que a pendente era moi suave e camiñábamos despacio, o corazón nos latía como se estivéramos facendo un enorme esforzo físico e cada poucos pasos tiñamos que parar a respirar profundamente e descansar. Comezamos a notar unha presión na cabeza que máis tarde acabou converténdose en dor e por momentos parecía que, de seguir camiñando, o esforzo ía facernos perder o coñecemento. Todo isto camiñando amodo! Finalmente chegamos ao glaciar, situado a 5001 m, unha vista fermosa que probablemente non dure moitos anos dado o seu acelerado ritmo de retroceso.
Fósil nas proximidades do glaciar
O terceiro día fixemos unha excursión fácil ata a lagoa Wilcacocha (3800 m) co obxectivo de comprobar as nosas forzas. O camiño ascende entre aldeas e campos de cultivo con bonitas vistas da Cordillera Blanca.
O eucalipto é a única especie de árbore nesta paisaxe
Como non nos costou moito subir os 400 m de desnivel, consideramos que estábamos preparados para o seguinte reto: o trekking de Santa Cruz, unha camiñata de 4 días que discorre en gran parte por riba dos 4000 m.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *