10, 11, 12 E 13 DE XULLO DE 2015
Ás 5 de mañá subimos a unha furgoneta que durante as seguintes 5 horas nos levaría por unha estrada sen asfaltar a través de vales e montañas, ascendendo ata os 4800 m de altitude e pasando baixo o cumio do Huascarán (6768 m), a montaña mais alta de Perú.
Queñuales na lagoa LLanganuco |
Estrada aos pés do Huascarán |
Finalmente chegamos a Vaquería, unha pequena e remota aldea que é o punto de partida do trekking de Santa Cruz, unha popular ruta de senderismo que realizaremos en 4 días. Para facilitar as cousas contratamos a actividade a unha empresa de Huaraz, que nos proporcionou material de acampada, comida, cociñeiro e guia de montaña. Todo o material era transportado por burros que conducía un arrieiro, e completaban o grupo 3 turistas coma nós que acabaron sendo estupendos compañeiros de aventura.
Llama e Pirámide de Garcilaso ao fondo |
Na primeira xornada camiñamos relaxadamente deixando atrás as últimas aldeas que veríamos en varios días. Logo de 4 horas chegamos ata o primeiro campamento, a 3800 m de altitude, aos pes do nevado Paria e o seu glaciar. A noite foi fría, con temperaturas baixo cero no exterior da nosa tenda.
A segunda xornada é a mais dura da travesía, pois hai que salvar un desnivel de 1000 m camiñando ata o paso de Punta Unión, a 4750 m de altitude. Ademais do esforzo pola longa subida, voltamos a sufrir a fatiga pola altitude, que se fixo evidente nos últimos tramos de forte pendente. Afortunadamente a aclimatación foi suficiente para non sufrir dor de cabeza, aínda que todos os integrantes do grupo tivemos que facer paradas frecuentes para coller aire e calmar o ritmo cardíaco.
Pasiño a pasiño, chegamos finalmente a Punta Unión, un paso de montaña que comunica os vales de Huaripampa e Santa Cruz. As vistas desde alá arriba eran sensacionais: ás nosas costas, quedaba o val polo que levabamos dous días camiñando; de frente, un novo e precioso val polo que continuaría a nosa ruta. Glaciares, picos e lagoas azul turquesa salpican a paisaxe.
Almorzamos e descansamos un rato, e iniciamos o descenso ata o campamento de Taullipampa, no que pasaríamos a 2ª noite. Non sería tan fría como a anterior, a pesar de estar a 4250 m de altitude.
A terceira etapa da travesía comezaba con unha fácil subida que nos conduciu ata a bonita lagoa de Arhuaycocha, onde un raposo paseaba buscando comida.
A partir de ahí o resto do trekking era todo descenso, pero nesta xornada tívemos que camiñar durante 9 horas ata o último campamento. Na quebrada de Arhuaycocha varios asuntos chamaron a nosa atención: un grupo de alpinistas subian polo glaciar para coroar o cumio do Alpamayo, de 5950 m; a silueta piramidal do Artesonraju (6025 m), que según afirman algunhas persoas, é a que sae no logotipo da Paramount Pictures; algúns bonitos exemplares de queñual, árbore autóctona destas terras, e as pegadas dun gran aluvión de rochas, xeo e auga que arrasou a quebrada de Santa Cruz no 2012. Aluvions coma este, que chegan aos ríos onde se asentan as poboacións, teñen causado varias traxedias nas últimas décadas. A mais grave, a desaparición da vila de Yungay en 1970 que causou miles de mortos.
A minúscula silueta duns montañeiros que ascenden polo glaciar do Alpamayo |
Cumio do Alpamayo |
Artesonraju destacando sobre a quebrada |
Aluvión procedente do Artesonraju |
Queñual e Artesonraju ao fondo |
O último día chegamos á aldea de Cashapampa logo dun descenso de tres horas en paralelo ao río, contentos acabar a travesía pero con un pouco de pena, pois a experiencia foi maravillosa polas paisaxes que percorrimos e pola estupenda xente coa que convivimos estes días.
o que eu digha: raposos que vivem a 4000 metros e que nom ousam entrar na arousa…
fotos impressionantes!!
o que eu digha: raposos que vivem a 4000 metros e que nom ousam entrar na arousa…
fotos impressionantes!!