Perú

Unha fantástica incursión na selva amazónica

2, 3, 4, 5 E 6 DE XULLO DE 2015

Iquitos é unha cidade do norte de Perú situada a orillas do río Amazonas. Non hai estradas que a conecten co resto do mundo e só se pode chegar a ela por medio de avión ou barco. É un importante porto fluvial ao que grandes barcos chegan desde o Atlántico subindo polo río. Tivo o seu período de esplendor a finais do século XIX co boom do caucho, que rematou en 1915 deixando a cidade na pobreza. A explotación do petróleo, os recursos da selva e ultimamente o turismo devolveronlle parte da importancia que tivo no pasado.

Desde Iquitos partimos en lancha cara a selva remontando 140 km do río Amazonas ata chegar ao noso aloxamento, situado nun afluente do río principal. Pasamos 4 días no lodge Muyuna, rodeado de selva pero con todas as comodidades. As habitacións son palafitos que están unidos entre si por pasarelas elevadas de madeira. Esta disposición obedece a necesidade de adaptar as construccións ás variacións estacionais do nivel de auga do río. Nesta parte da selva, as chuvias que caen entre novembro e maio fan subir o nivel do río varios metros inundando gran parte do bosque. Persoas, animais e prantas están adaptadas a este ciclo.

O programa incluido co aloxamento consistía en 3 saídas de mañá, tarde e noite separadas polas correspondentes comidas. En todas as actividades estivemos acompañados polo excelente guía Albino, natural de San Juan de Yanayacu, unha pequena aldea próxima ao lodge, e gran coñecedor do terreo, as prantas, os animais e os seus costumes.
San Juan de Yanayacu
Fixemos varias caminatas pola selva equipados con botas de auga, imprescindibles para moverse polo chan enlamado. Albino ía ensinándonos os diferentes tipos de prantas e árbores e o uso que lle daban tanto os animais como os humanos.

Ceiba
O mono máis pequeno desa parte da selva, chamado “leoncito” e que ten o tamaño dunha rata; termiteiros enormes colgados das árbores para non quedar  baixo a auga en época de inundación; tarántulas, que non son velenosas pero que poden disparar pelos que producen gran inflamación; cempés xigantes totalmente inofensivos; monos e paxaros de diversas especies que cos seus sons parecían estar interpretando unha sinfonía … A selva era xusto o que esperabamos dela.

Leoncito
Termiteiro
Cría de tarántula
Un habitante do bosque
Unha noite fixemos un paseo nocturno á luz das lanternas, o que nos permitiu coñecer a  outros habitantes do bosque, como a ra xigante, que aínda que pode dar saltos de 2 metros, non se asusta facilmente e se deixa tocar e coller sen problemas.

Ra xigante
Ra arborícola

O río é un auténtico labirinto de lagoas interconectadas por canais naturais, polas que o noso guía orientábase á perfección durante os paseos en barca e canoa que fixemos. Algunhas lagoas estaban tan cubertas de prantas acuáticas que parecía imposible que puidéramos navegar por elas.

Dos moitos animais que vimos nas árbores da orilla,  o máis peculiar foi o perezoso cos seus lentos movementos,  pero tamén nos chamou a atención a gran cantidade de aves, especialmente garzas, que se concentraban nalgunhas zonas.

Tucán
Nunha das lagoas estivemos pescando pirañas desde a barca, que logo nos cociñaron para a cea.

O nivel do río comeza a baixar a primeiros de xuño e alcanza o seu punto mais baixo a finais de outubro, cando volve a empezar a época de chuvias. Durante a nosa estancia aínda quedaba auga bastante como para poder navegar en canoa polo medio do bosque inundado.

Navegando pola noite é fácil detectar aos caimáns debido a que os seus ollos brilan coa luz artificial. Os guías conseguiron atrapar un pequeno caimán coas súas mans, e tivemos a oportunidade de observalo moi de cerca.

Outra actividade que fixemos foi irnos bañar no Amazonas, onde tamén vimos os delfíns rosados que viven no río. De camiño paramos nunha lagoa onde crecía un gran número de Victoria amazónica, o maior nenúfar do mundo.

Río Amazonas

En definitiva, a selva amazónica é un lugar extraordinario que non decepciona.

Tamén pode gustarche...

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *