20, 21 E 22 DE XULLO DE 2015
Desde Arequipa partimos en autobús para Cabanaconde,  un pequeno pobo que ía servirnos de punto de inicio para coñecer o Canón do Colca.  Este accidente xeográfico ten unha lonxitude de decenas de km e atravesa moitas comunidades tradicionais adicadas á agricultura. As ladeiras máis suaves están intensamente aterrazadas para o cultivo e compoñen unha bonita paisaxe.

O canón do Colca é un lugar especialmente indicado para ver o cóndor, a mítica ave andina. Preto de Cabanaconde vive unha familia de cóndores que se deixa ver con facilidade nas primeiras horas da mañá desde un mirador ao borde do canón.

Mentres esperábamos polo cóndor, disfrutamos dunhas aves moito máis pequenas pero igual de interesantes: os colibríes, que se movían de flor en flor a gran velocidade.

Hai varios sendeiros que conectan as aldeas do canón, e aproveitamos algúns deles para facer unha dura pero gratificante ruta de dous días. O primeiro día un vertixinoso descenso levounos ata o fondo do canón, pasando por pequenas comunidades ata chegar ao chamado “oasis” de Sangalle onde pasaríamos a noite.

O oasis recibe tal nome porque é unha zona cunha vexetación case tropical á beira do río, o que contrasta moitísimo coa árida paisaxe do resto da canón.

Varios aloxamentos ofrecen aos camiñantes un lugar onde pasar a noite, pero a pesar da súa apariencia de luxo e confort os bungalows son pouco máis que chabolas.

Ao día seguinte esperábanos un ascenso de 1100 metros de desnivel desde o fondo ata a parte alta do canón. Fixémolo en pouco máis de 3 horas pois tiñamos que coller un autobús que nos levaría de volta a Arequipa, a onde chegaríamos de noite.
Na viaxe de volta fixemos algunha breve parada para ver as terrazas cultivadas do canón, algún pequeno pobo e os rebaños de camélidos típicos do altiplano.

Igrexa de Maca
Alpacas e llamas
Vicuña

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *