Desprazámonos pola costa peruana cara a pequena vila de Paracas, que vive da pesca e do turismo. Desde o seu porto zarpan barcos turísticos para visitar as illas Ballestas, unha reserva natural onde vive unha colonia de leóns mariños e numerosas aves. Lamentablemente, o estado da mar impediu sair os barcos ese día, polo que nos tivemos que conformar con ver os moitos pelícanos que había na praia.
Raza de cans sen pelo típica de Perú |
A media mañá decidimos marchar para Huacachina, un pequeno oasis rodeado de altas dunas de area. A actividade máis ofertada nese lugar consiste en percorrer a dunas en tubular e aproveitar para deslizarse cunha táboa desde as dunas máis altas. Logo de probar ambas cousas, podemos dicir que o máis interesante son as vistas do mar de dunas.
Desde Huacachina continuamos a viaxe ata Nazca. Aínda que a mellor forma de ver as famosas liñas é desde unha avioneta, nós optamos por unha opción máis humilde por temor a marearnos. Desde unha torre metálica que serve de mirador puidemos ver as dúas únicas figuras claramente visibles desde terra: as mans e a árbore.
As mans |
Árbore coas pólas na parte inferior da imaxe |
Cerca de Nazca, un cemiterio da cultura ica-chinca, que habitou estas terras arredor do ano 1000, foi moi alterado ao longo dos anos polos chamados huaqueros, saqueadores de tumbas na procura de tesouros. As momias quedaron espalladas polo deserto, pero recentemente decidiuse restaurar a necrópole na medida do posible. Agora as momias están colocadas nas tumbas, no que se supón que era a súa disposición orixinal.