31 DE XULLO, 1 E 2 DE AGOSTO DE 2015

Atravesamos en autobus as áridas terras do altiplano para chegar á beira do lago Titicaca onde, segundo a mitoloxía andina, emerxeron das augas o sol e a lúa. O inmenso lago está situado entre Perú e Bolivia a unha altitude próxima aos 4000 m. Desde a cidade de Puno, no lado peruano, fixemos unha visita en barca a unhas peculiares illas. O pobo dos Uros viuse ameazado polos incas cando estes comezaron a expandirse pola zona, e idearon un orixinal método para fuxir deles: construir illas artificiais e irse a vivir ao medio do lago. Cada illa é unha pequena aldea flotante onde viven unhas 10 familias, e tanto a illa como as casas que hai nela están feitas dun xunco chamado totora que crece no lago.

Home recollendo totora

Hai mais de 80 illas de totora, e algunhas teñen escola, bar ou incluso un campo de fútbol. O seu medio de vida tradicional é a pesca, complementada coa caza de aves e a recolección de ovos, pero hoxe en día unha boa parte dos seus ingresos proveñen do turismo. Nunha das illas explicáronnos o proceso construtivo: primeiro colocan bloques de raíces de totora, que flotan na auga, e sobre eles botan varias capas de totora seca que teñen que renovar cada pouco tempo.

Bloque de raíces de totora

A vida útil dunha destas illas é duns 20 anos, cando empeza a afundir ten que ser abandoada e a súa poboación constrúe unha nova.

Unha das illas dos Uros
Embarcación de totora para celebración de festas

Outra visita interesante nos arredores de Puno foron as tumbas cilíndricas coñecidas como chullpas, pertencentes á cultura colla e posteriormente tamén utilizadas polos incas.

Granxa familiar

En Puno rematou a nosa viaxe por terras peruanas, pois fomos bordeando o Titicaca en autobús ata chegar á cidade fronteiriza de Copacabana, xa en Bolivia. Alí aloxámonos nun hotel verdadeiramente singular, onde as habitacións parecen sacadas dun conto.

O noso apartamento de tres pisos
Cociña na pranta baixa
Primeira pranta
Primeira pranta
Segunda pranta

A mitoloxía sitúa a orixe da dinastía Inca na Isla del Sol, a mais grande do lago Titicaca pero que se pode atravesar andando en 3 ou 4 horas. Aínda que as ruinas incas que se conservan non teñen demasiado interese, a visita á illa permitiunos apreciar a enormidade do lago, que unido ao árido da paisaxe fai que se pareza ao mar Mediterráneo.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *