12 E 13 DE AGOSTO DE 2015
|
Salvador Allende, diante do palacio da Moneda |
O avión que nos levaría de volta a casa saía de Santiago de Chile, así que aproveitamos para coñecer un pouco esta cidade. O frío, a xente vestida con abrigo e bufanda, o ceo gris e as árbores sen follas fixéronnos caer na conta de que alí en agosto están no máis crudo do inverno. Un inverno como o de Galicia, nada que ver con ese inverno de ceos sempre azuis e días soleados que disfrutamos o resto da viaxe.
Santiago non é unha cidade especialmente atractiva, pero ten o encanto dun urbanismo de mediados do século XX práctico e funcional, con algúns edificios de aceiro e cristal que destacan entre o resto. O comercio, a fisionomía da xente, a súa forma de vestir, e outros pequenos detalles fan que Santiago, mais que unha cidade sudamericana, pareza unha cidade española.
Sorprendeunos que a vista dos Andes nevados asomase ao fondo das grandes avenidas.
Do que máis disfrutamos en Santiago foi do Museo Chileno de Arte Precolombino, que ten unha colección representativa da arte dos distintos pobos que había en América Central e do Sur antes da chegada dos europeos. As culturas moche, chimú, nasca, paracas, chavín, tihuanaco, inca … todas as culturas que descubrimos durante esta viaxe estaban ahí, xunto con moitas outras das que non oiramos falar nunca. Cada peza exposta no museo é unha obra maestra e case todas están en perfecto estado de conservación. É incrible ver como cerámicas e texidos de ata 3000 anos se conservaron intactas con todo o seu colorido.
|
Home-felino de América central |
|
Músico da cultura Paracas (600 – 200 aC) |
|
Botella da cultura Paracas (600 – 200 aC) |
Logo de coñecer en Trujillo os rituais de decapitamento dos moches, volveron a sobrecollernos ao velos outra vez tan ben representados na súa cerámica. Este museo é diferente á maioría dos museos do mundo por permitir sacar fotos das pezas expostas, así que desta vez podemos poñelas no blog.
|
Guerreiro con prisioneiro da cultura moche (100 – 800 dC) |
|
Sacrificador con cabeza cortada da cultura moche (100 – 800 dC) |
|
Ronda de decapitados en botella de cultura Nasca (100 – 700 dC) |
Non deixa de sorprender a diversidade de estilos, temas e materiais, así como a creatividade e maestría coa que realizaron todas estas obras.
|
Retrato da cultura moche (100 – 800 dC) |
|
Botella da cultura moche en forma de felino (100 – 800 dC) |
|
Máscaras da cultura moche (100 – 800 dC) |
|
Botella músico da cultura Vicús (0 – 500 dC) |
O guía que tivemos no Camiño Inca faláranos dos quipus, un sistema de cordas anudadas que os administradores do imperio inca empregaban para levar a contabilidade. Neste museo tivemos a oportunidade de ver un destes quipus e sorprendernos da súa complexidade.
Aínda que comezamos a visita enfocado a nosa atención naquelas culturas que coñecimos durante a viaxe, logo disfrutamos igualmente das obras de culturas de outras partes de América.
|
Músico e guerreiro da cultura Jama-Coaque (600 aC – 400 dC) |
|
Guerreiro da cultura Nayarit (200 aC – 500 dC) |
Agardábannos 24 horas en avións e aeroportos ata chegar a casa e dar por concluida a viaxe deste verán. Unha viaxe enriquecedora, na que aprendimos sobre antigas culturas, camiñamos por grandiosas montañas e profundos canóns, marabillámonos cos animais e prantas da Amazonía, atravesamos desertos multicolores e caóticas cidades tamén multicolores … e coñecimos xente fantástica. Seguro que volvemos.