15 E 16 DE DECEMBRO DE 2015
Desde Buenos Aires voamos a Puerto Iguazú, unha pequena localidade arxentina situada na fronteira con Paraguai e Brasil, para visitar as afamadas cataratas. Dous parques nacionais, un arxentino e outro brasileiro, protexen este monumento natural e a selva que aínda se conserva na súa contorna.
Vista desde o avión do río Iguazú e das cataratas |
O río Iguazú corre por unha planicie de rocha volcánica que no pasado foi quebrada por unha falla que produciu un escalón nesa planicie. A forza da auga ao caer polo escalón foi erosionando a rocha e facendo retroceder o salto cara atrás. Hoxe as cataratas se situan a 23 km do salto primixenio e retroceden 2 cm por ano. No lado que pertence a Arxentina están a maioría dos saltos de auga, que se estenden ao longo de 2700 m e caen ao canón escavado polo río Iguazú. Pódense facer tres circuítos diferentes a través de sendeiros pola selva e pasarelas situadas sobre o río que fan posible aproximarse a numerosos saltos, tanto á parte de arriba como á súa base.
A pesar da falta de divulgación científica sobre as cataratas, a xestión do parque é bastante boa, permitindo desfrutar dun entorno natural con tranquilidade a pesar da multitude de persoas que visitan o lugar. Como complemento, é fácil ver monos, coatíes, centos de bolboretas, paxaros, lagartos, formigas xigantes, vencexos que anidan detrás das cascadas …
Coatí |
Mono caí |
Urraca de cresta alborotada |
Lagarto overo |
Nada máis chegar, montamos no tren que traslada aos visitantes ao camiño que leva ata a Garganta do Diablo, salto polo que se precipitan a metade dos 1800 metros cúbicos por segundo que teñen de caudal as cataratas. A vista desde a plataforma xusto enriba da caída e sobrecolledora.
Levounos o resto do día facer os outros dous circuitos que hai o no parque arxentino, que se achegan a saltos menos caudalosos pero que conforman un conxunto moi fermoso, con innumerables cortinas de auga caíndo entre a vexetación.
Ao día seguinte, fomos ao parque brasileiro para complementar a visita coa vista das cataratas desde a outra beira do río. Un único circuito ofrece unha visión panorámica do conxunto de saltos, que se explica popularmente dicindo que “Arxentina ten os saltos, e Brasil as vistas”.
A fina chuvia que sae das cataratas e o sol crean un arco da vella que nos acompañou durante todo o percorrido. Ao final hai unha espectacular plataforma dentro da garganta que é imposible pisar sen acabar totalmente empapado pola chuvia.
Vencexo de cascada |
Argentina tem os saltos, o Brasil as vistas", ighualinhas que corcubiom e Cee 😀
Argentina tem os saltos, o Brasil as vistas", ighualinhas que corcubiom e Cee 😀