23, 24, 25, 26, 27 E 28 DE DECEMBRO DE 2015
Cambiamos a Patagonia arxentina pola chilena, desprazándonos en autobús a Puerto Natales, a vila mais cercana  ao Parque Nacional Torres del Paine. É unha vila tradicionalmente mariñeira na que a actividade turística é cada vez mais importante.

Está na beira do fiordo Última Esperanza, bautizado pola expedición que o explorou por primeira vez cando trataba de atopar, sen conseguilo, un paso cara o Atlántico. Os topónimos pesimistas (Bahía Inútil, Isla Desolación, Puerto del Hambre) son habituais na Patagonia e en Tierra del Fuego e expresan a dureza do medio e o incumprimento das expectativas que tiñan os primeiros navegantes desta zona.
No Parque Nacional Torres del Paine, a dúas horas en autobús desde Puerto Natales, pasamos 5 días camiñando polo roteiro coñecido como W pola figura do seu trazado sobre o mapa. As imaxes emblemáticas do Parque son as Torres e os Cuernos del Paine, impresionantes agullas de rocha granítica con paredes verticais. O día de Noiteboa chegamos ata a base das Torres del Paine cun tempo moi cambiante no que alternamos chuvia, sol, vento frío e neve varias veces.
Torres del Paine
Unha chuvia incesante acompañounos o día de Nadal ata que a media tarde, cando xa a nosa roupa e mochilas estaban empapadas, convertiuse en nevada que durou ata o día seguinte. Esta metereoloxía non é a habitual, pero a nós impediunos desfrutar da paisaxe dese tramo do sendeiro e pasamos unha noite incómoda, pois durmíamos en tenda de campaña coa maior parte do noso equipamento mollado.
Ao día seguinte estaba todo cuberto de neve e, aínda que xa non chovía, decidimos abandonar a W porque non tiñamos forma de secar a roupa.
Tiñamos que facer tres horas mais do roteiro, coller un barco para atravesar o lago Pehoe e despois un autobús a Puerto Natales. Pero nesas tres horas que nos quedaban de camiño comezou a sair o sol, polo que cambiamos de idea e decidimos continuar. Quedou un día espléndido e puidemos secar ao sol todo o noso material.
Vista lateral dos Cuernos del Paine
O cuarto día unha curta camiñata levounos ata o glaciar Grey, onde participamos nunha excursión organizada polo xeo equipados con crampóns e piolets. A circulación da auga de desxeo erosiona a superficie do glaciar creando cauces, regatos, pozas e sumidoiros de especial beleza.
Glaciar Grey
Carpinteiro (Campephilus magellanicus), nun bosque de camiño ao glaciar
Rocha pulida e raiada polo paso do glaciar no pasado
O último día voltamos ao lago Pehoe para retornar a Puerto Natales. Mentras camiñábamos ata o embarcadoiro, apareceu no camiño un armadillo, chamado aquí quirquincho (Chaetophractus villosus), que puidemos observar tranquilamente durante longo rato.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *