17, 18, 19 E 20 DE DECEMBRO DE 2015
 |
A nosa chegada á Patagonia |
O arxentino Parque Nacional Los Glaciares, que fai fronteira con Chile na vertente este dos Andes, protexe montañas, lagos e bosques e, sobre todo, enormes extensións xeadas. Un enorme casquete de xeo, tan grande como a metade de Galicia, cubre esta parte da cordilleira andina. Desde el descólganse linguas glaciares que ocupan mais do 30 % da superficie do parque. Estes glaciares chegan ata altitudes de poucos metros sobre o nivel do mar, o que os fai bastante accesibles e fáciles de visitar.
Pasamos 4 días no sector norte deste Parque Nacional, unha remota rexión da Patagonia onde o pequeno pobo de El Chaltén proporciona os servizos necesarios para o turismo.
 |
O pobo de El Chaltén |
Fixemos tres longas rutas de sendeirismo, que nos levaron ata a base de impoñentes picos graníticos como o cerro Torre ou o cerro Chaltén, tamén coñecido como Fitz Roy.
 |
Á esquerda o Cerro Torre, e o mais grande, á dereita, Cerro Fitz Roy |
 |
“Chaltén” é o nome tradicional, que significa montaña de fume |
Detrás destas cimas está o inmenso Campo de Hielo Patagónico Sur, a terceira masa de xeo mais grande do planeta, logo da Antártida e Groenlandia. Case toda a paisaxe estivo cuberta por glaciares hai miles de anos, e os que aínda podemos ver hoxe perderon moita extensión e volume nas últimas décadas, o que se evidencia nas pegadas deixadas por eles en zonas que agora están libres de xeo.
 |
As morrenas laterais marcan o “cauce” por onde circulaba o glaciar hai décadas |
É moi fácil ver cóndores nos canóns formados polos ríos, ademais de varias especies diferentes de aves rapaces.
 |
Cóndor andino (Vultur gryphus) |
 |
Matamico branco (Phalcobaenus albogularis) |
Sen embargo, a poucos quilómetros das montañas as precipitacións son mínimas e o bosque da paso á estepa de herbas e pequenos matorrais.
 |
Taro (Vanellus chilensis), habita as pradeiras herbáceas |