1, 2, 3 E 4 DE XANEIRO DE 2016

Tras 12 horas de viaxe en autobús, ferry e os necesarios controis fronteirizos para pasar de Chile a Arxentina, chegamos ao punto mais austral desta viaxe, Ushuaia. Durante miles de anos estas terras foron habitadas polo pobo cazador-recolector dos yámana. Nas primeiras exploracións, os navegantes europeos vían desde o mar as fogueiras que facían os yámana e bautizaron a esta rexión como Tierra del Fuego. A partir de 1870 se instalaron os primeiros misioneiros europeos para colonizar o territorio. Arxentina, que veia perigar a súa soberanía, instalou unha prisión en Ushuaia para reforzar o control da rexión, á cal mandaron aos peores criminais e presos políticos.
Hoxe Ushuaia é unha cidade de 60 000 habitantes que ostenta con orgullo o título de ser a que está mais ao sur de todo o planeta. O seu porto serve de acceso á Antártida e recibe moito turismo atraído pola súa situación e o entorno natural no que se atopa, entre o extremo sur da Cordilleira dos Andes e a Canle do Beagle que une os océanos Atlántico e Pacífico.

Flores de lupino, moi abundantes nos xardíns de Ushuaia

A Canle do Beagle está salpicada por decenas de illotes rochosos nos que aniñan milleiros de aves, e que tamén serven de fogar a varias colonias de lobos mariños. Navegamos durante unha mañá nun pequeno iate, acompañados por un guía naturalista e outros oito turistas, para poder achegarnos a esta fauna e disfrutar das vistas das cordilleiras costeiras.

Colonia de cormoráns imperiais (Phalacrocorax atriceps)

Os lobos mariños (Otaria flavescens) ocupan estes illotes formando densas colonias dominadas por un enorme macho e decenas de femias moito mais pequenas, xunto con crías e machos xóvenes. Pasan a maior parte do día tomando o sol relaxadamente, pero ás veces un pequeno movemento dun xoven provoca unha violenta resposta do gran macho, como tivemos ocasión de observar desde o barco a moi poucos metros de distancia.

Desembarcamos na pequena illa H para dar un paseo e observar a súa variada flora e unha colonia de cormoráns de rocha (Phalacrocorax magellanicus) coas súas crías. Desde a distancia os illotes parecen rocha cunha pobre presencia vexetal, pero unha vez alí descubrimos unha gran diversidade de especies que cubren toda a superficie.

Mata Mora (Senecio filaginoides)
Cormoráns de rocha (Phalacrocorax magellanicus)

As montañas que rodean Ushuaia están cubertas polo denso bosque fueguino, un ecosistema dominado por lengas, ñires e canelos ademais de outras especies vexetais de menor porte. Gran parte desta superficie está dentro do Parque Nacional Tierra del Fuego, que se pode visitar camiñando por cómodos sendeiros que pasan a través de bosques, rios e lagos.

Pan de indio (Cyttaria darwinii), un fungo que parasita lengas e ñires
Cachaña (Enicognathus ferrugineus)

O parque inclúe zonas montañosas que pola súa altitude carecen de vexetación e están cubertas de neve a maior parte do ano, como o Glaciar Martial, ao que chegamos camiñando desde a cidade.

Glaciar Martial con Ushuaia e a canle do Beagle ao fondo

Deixamos esta terra disfrutando dunha espectacular vista desde o avión que nos levou a Buenos Aires, a 3000 km de distancia.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *