7, 8 E 9 DE XANEIRO DE 2016
Non estaba dentro do proxecto de viaxe á Patagonia facer unha parada en Nova York, pero decidimos prolongar a escala prevista para percorrer esta cidade durante 3 dias sen coste adicional. Como o tempo era limitado, adicámonos a pasear polo sur de Manhattan, o que veñen sendo os barrios mais céntricos da cidade, visitando espazos e vendo comportamentos que nos resultaron moi familiares por ser repetidos ata a saciedade en cine e televisión.
O edificio Chrysler dounos a benvida á cidade, pois durmimos nun hotel situado moi cerca del e desde a ventana da habitación e das rúas cercanas puidemos apreciar a súa bonita cúpula desde diferentes ángulos. Este edificio foi construido en 1930 polo propietario da empresa automovilística Chrysler, conseguindo ser o mais alto do mundo durante 11 meses, ata que foi superado polo Empire State. Hoxe en día segue sendo un dos edificios mais bonitos e valorados da cidade.
Comezamos a nosa primeira xornada neoiorquina camiñando pola 5ª Avenida, unha longa via que percorre Manhattan de norte a sur, sorprendidos pola cantidade de paisaxes e esceas tópicas que veíamos. As rúas teñen moito movemento de xente e vehículos pero a cidade é mais tranquila e humana do que imaxinábamos.
|
A 5ª Avenida: “Nin sequera penses en aparcar aquí” |
|
Catedral de St. Patrick |
A media mañán chegamos ao Rockefeller Center para subir ata o mirador Top of the Rock, situado no piso nº 70, a 260 m de altura. Desde alí hai unha magnífica vista de toda a illa de Manhattan, dominada cara o sur polo Empire State, cara o norte por Central Park e aos pes do edificio, a catedral neogótica de St. Patrick rodeada de altos edificios.
|
O Empire State domina a vista cara o sur de Manhattan |
|
Central Park |
|
A Catedral de St. Patrick |
Voltamos ao nivel da rúa e pasamos por Bryant Park, colindante con vellos e novos rañaceos e con gran ambiente festivo na pista de xeo que había instalada. En todas as prazas e parques da cidade hai sillas e mesas públicas para que a xente se sente a descansar ou comer o que compra pola rúa.
Continuamos camiñando para ver a Grand Central Terminal, unha estación ferrroviaria reformada a principios do século XX con grande luxo en estilo neoclásico, que hoxe segue funcionando para trens de cercanías. No teito do maxestuoso vestíbulo unhas minúsculas lámpadas representan as estrelas do firmamento, e quen mira cara arriba pode ter a sensación de que o edificio está descuberto e está vendo o ceo nocturno.
|
Vestíbulo principal da Grand Central Terminal |
Ao final da tarde o noso destino estaba na parte alta do Empire State, que foi o edificio mais alto do mundo desde o seu remate en 1931 ata que foi superado polas torres xemelgas do World Trade Center en 1972.
|
Vestíbulo de entrada do Empire State |
Desde a plataforma de observación, situada no piso 86, hai unha vista excelente do sur de Manhattan. Esperábamos pasar un rato entretido vendo como se iluminaba a cidade a medida que entraba a noite, pero na realidade o espectáculo superou todas as nosas expectativas.
Cara o sur, o singular edificio Flatiron, de pranta triangular, marca o cruce entre Broadway e a 5ª Avenida, que discurren ata o distrito financieiro no baixo Manhattan, onde destaca a silueta do One World Trade Center, substituto das torres xemelgas e actualmente edificio mais alto da cidade.
|
Broadway, Flatiron e 5ª Avenida |
|
A 5ª Avenida e o distrito financieiro no fondo |
Cara o norte, un intenso lucerío de cores intermitentes sinala a posición de Times Square. Moitos edificios están iluminados con diferentes cores, tentando marcar a diferencia e destacar entre os demais no medio do mar de luces no que se transformou a cidade. A pesar do frío que facía na terraza, a 320 m de altura, pasamos 2 horas mirando o espectáculo.
O noso paseo continuou ata Times Square, unha concurrida praza cuio único interés e ver as fachadas dos edificios cheas de enormes pantallas de cores proxectando continuamente publicidade. O día rematou ceando unhas fabulosas hamburguesas que resultaron ser das mais ricas que comimos na nosa vida.
|
Publicidade-espectáculo en Times Square |
|
Arbores de nadal na 3ª Avenida |
O segundo día deixamos as torres do Midtown e adicámolo a percorrer o medio-Manhattan, un conxunto de barrios como o Village, Soho e Chinatown que conservan unha bonita e variada arquitectura. Esta inclúe os primeiros intentos de rañaceos e tamén característicos edificios da segunda metade do século XIX nos que o ferro é un dos materiais de construcción principais.
Os barrios ferven de actividade, están moi ben conservados e lucen un aspecto saudable. As fachadas das casas da maioría das rúas contan coas típicas escaleiras metálicas de emerxencia que tanto xogo deron nas películas. Destacamos o Flatiron, edificio mais alto ata 1902, os nº 96 e 98 da rúa 8º que aparece na portada do Physical Graffiti de Led Zepellin, o centro comercial Chelsea Market instalado na rehabilitada fábrica das galletas Oreo e a espectacular fachada de ferro do Silk Exchange Building.
|
Flatiron |
|
Physical Graffiti de Led Zepellin |
|
Chelsea Market |
|
Silk Exchange Building |
Ao final da tarde chegamos ao distrito financieiro, onde están os edificios gubernamentais, Wall Street e o que foi a zona cero, hoxe transformada nun parque en memoria das víctimas dos atentados do 11S.
|
Lugar que ocupaba a Torre Sur |
|
One World Trade Center |
Seguidamente cruzamos o río do Este que separa Manhattan do barrio de Brooklyn, usando o paso para peóns que hai na vella ponte de Brooklyn. Construída a finais do século XIX, foi a primeira ponte colgante de aceiro do mundo.
|
O skyline de Manhattan desde a vella ponte de Brooklyn |
Desde a beira oposta a Manhattan volvimos a disfrutar da bonita paisaxe urbana que crean na noite as luces da cidade. Despois de cear, xa de volta en Manhattan, tivemos a sorte de asistir a un concerto de jazz no Village Vanguard, o mellor local da cidade.
|
Ponte de Manhattan (1909) |
No terceiro e último día en Nova York camiñamos ata Central Park subindo pola 5ª Avenida cara o norte. O parque é moi grande e non nos deu tempo de percorrelo na súa totalidade. Este enorme rectángulo verde no medio da trama urbana nace a mediados do século XIX logo de que a poboación neoiorquina reclamase un lugar onde evadirse do ruido e do tráfico.
Mais alá da súa singular situación e o protagonismo que ten na cultura audiovisual, ten poucas cousas que destacar. Nós buscamos evidencias do paso dos glaciares do pleistoceno e apareceron por todas partes, xa que case todas as rochas teñen a súa superficie pulida polo xeo e algunhas están coroadas por bloques eráticos.
|
Xistos puidos polo paso do xeo |
|
Bloque errático |
Cara o medio día rematou a nosa aventura en Nova York collendo un autobús cara o aeroporto. Pasamos tres días magníficos nesta encantadora cidade e queda na lista de lugares do mundo que paga a pena visitar e revisitar.