5, 6, 7 E 8 DE AGOSTO DE 2016

A localidade francesa de Chamonix está situada nun fondo val dos Alpes e rodeada de altas montañas con neves perpetuas e glaciares. Está considerada como o berce do alpinismo e os deportes de montaña, e xa durante o século XIX comezou a súa traxectoria como destino turístico. Neste lugar sempre é tempada alta, pois durante o inverno opera como unha das estacións de esquí mais coñecidas de Europa, e durante o verán é un paraíso para sendeiristas, alpinistas e escaladores.

Chamonix está aos pés do Mont Blanc, que con 4810 m de altitude é o cumio mais alto de Europa. O Monte Bianco, como lle chaman os seus veciños italianos, é coroado cada ano por unhas 2000 persoas, e está totalmente fóra das nosas posibilidades ascender o seu cumio.

Alpinistas practicando escalada en xeo

Chamonix recibiunos con intensas chuvias que nos tiveron un día sen poder facer mais que pasear pola vila mirando escaparates. Pero os tres días posteriores estiveron soleados o que nos permitiu facer todas as excursións que tiñamos programadas.
Os remontes das estacións de esquí úsanse durante o verán para acceder ás partes mais altas do val e ás cimas dalgunhas montañas, o que permite a persoas de calquera condición física subir a case 4000 metros de altitude. Nós aproveitámolos para facer as rutas de montaña con moito menos esforzo. Así o primeiro día subimos en teleférico ata un miradoiro a 3275 m, con vistas a picos como o Mont Blanc, agullas verticais e linguas glaciares.

Glaciar Argentiere desde o miradoiro
O Mont Blanc é o cumio mais alto

Andivemos logo ata a beira do glaciar Argentiere, que remata nun bonito e caótico fronte de seracs.

Para volver a Chamonix baixamos camiñando por un precioso bosque de alerces, unha conífera que domina os bosques alpinos desta rexión. Durante o paseo desfrutamos tamén de moitas flores alpinas.

Alerce europeo (Larix decidua)
Rhododendron ferrugineum

O día seguinte amenceu co ceo totalmente despexado, o que nos animou a subir en teleférico á Aiguille du Midi, a excursión mais famosa do lugar. É unha impresionante agulla vertical de rocha a 3842 m de altitude na que se construíron restaurantes, terrazas panorámicas e outras instalacións turísticas.

Aiguille du Midi

As vistas son marabillosas: un espeso manto branco cubre a paisaxe, que consiste nunha grande planicie rodeada de mais agullas de granito; o Mont Blanc está moi cerca, e unha procesión de alpinistas camiñan sobre a neve cara el. No fondo do val está a vila case 3000 m por debaixo de nós.

Mont Blanc

Outra vez en teleférico descendemos ata a base da Aiguille, para camiñar ata outro destino clásico de aquí: a estación de Montenvers, á que chega o tren de cremalleira que sube desde Chamonix ata o glaciar Mer de Glace. En 1880 se inaugura neste lugar un hotel para os primeiros turistas que subían en mulas e cadeiras de man para ver o glaciar, e en 1909 se constrúe a liña férrea que chegaba ata beira do xeo.

O glaciar, descrito como se a mar axitada quedase instantaneamente conxelada, atraía moitos viaxeiros, pero hoxe esa paisaxe xa non é a mesma, pois a perda de volume e o retroceso do xeo fai que haxa que descender decenas de metros para chegar a el.

Unha placa marca a altura do glaciar en 1985
Galería escavada no glaciar para os turistas

O último día volvemos mesturar os teleféricos e unha camiñada para ascender ao miradoiro de Le Brévent, situado na ladeira oposta do val, con boas vistas do macizo do Mont Blanc e os seus glaciares.

Ao final da tarde emprendemos a viaxe cara Suíza, e esa mesma noite durmimos nas aforas de Xenebra.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *