15, 16, 17 , 18 E 19 DE AGOSTO DE 2016
Cada rincón dos Alpes berneses semella sacado dunha postal, empezando polo emprazamento da cidade de Interlaken entre dous lagos dun azul intensísimo. Non é de estrañar que sexa o principal destino turístico de Suíza e que algunhas das mellores excursións polos Alpes partan deste lugar. Tamén aquí os remontes e trens de montaña permiten que calquera poida desfrutar da paisaxe, e fan asequibles rutas que serían moi duras se houbese que subir andando desde o fondo do val.
Val de Lauterbrunnen
Grindelwald é un pobo rodeado de picos, glaciares relucentes e pastos onde empezamos unha ruta que nos levou pola base da temible cara norte do Eiger, que xunto co Matterhorn e os Grandes Jorasses son os cumios máis difíciles dos Alpes.
Grindelwald
As dramáticas ascensións  ao Eiger son o fío argumental da película Licencia para matar, protagonizada por Clint Eastwood. Chegamos a Kleine Schedeigg, a 2061 m, onde hai un hotel, restaurantes e unha estación de tren turístico de onde se parte a Jungfraujoch, destino final do tren a 3454 m. Cun desorbitado prezo de case 200 euros por persoa, os suízos publicitan esta excursión como Top of Europe, o destino de maior altitude de Europa. Os franceses respostan con elegancia a esta esaxeración suíza denominando The Real Top of Europe á súa estación de teleférico de Aiguille du Midi, 400 metros máis alta e cun prezo significativamente inferior. Como xa fixéramos a excursión francesa, e as paisaxes eran parecidas, non atopamos ningún motivo para gastar tantos cartos subindo a Jungfraujoch.
Cara norte do Eiger desde Kleine Schedeigg
Nas primeiras horas da mañá seguinte choveu con intensidade e decidimos descansar da montaña e ir a Thun, unha pequena cidade medieval na beira dun dos lagos de Interlaken, tipicamente suíza coa súa ponte de madeira cuberta e o seu castelo.
Como o tempo finalmente quedou soleado, subimos pola tarde a un outeiro con moi boas vistas de Interlaken e o seus lagos.
Outra vez o mal tempo fíxonos cambiar de plans e pasar un día urbano na cidade de Lucerna, na que se repiten os elementos característicos das cidades medievais suízas. Como no resto do país, aquí tamén se repiten os altos prezos nos aparcamentos, hostalería e entradas a monumentos.
O último día na zona tomamos un tren de cremalleira de principios do século XX que nos subiu a Schynige Plattte, onde comezamos un sendeiro de media montaña que nos levou por unha cresta con vistas a  montañas e glaciares á dereita e a o val de Interlaken á esquerda.
En todas as excursións que fixemos polos Alpes puidemos ver moitas especies de flores de montaña, pero neste lugar é onde atopamos maior variedade.
Cardo azul (Eryngium alpinum)
Sempervivum tectorum
Trollius europaeus

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *