14 AO 17 DE ABRIL DE 2017
O arquipélago das Galápagos componse de 13 illas principais e un montón de illotes e illas menores, polo que para acceder aos lugares de visita é imprescindible ir en barco. Só 4 destas illas están habitadas e o resto do territorio está deshabitado e ten o acceso moi limitado. Para chegar a elas é necesario contratar o servizo con algunha empresa que, ademais de proporcionar o transporte, ten a obriga de levar un guía habilitado polo Parque Nacional. Os lugares de visita están determinados e na maioría dos casos as empresas se reparten un cupo limitado de visitantes. Existe a posibilidade facer tours diarios desde Puerto Ayora, a vila máis grande das illas, pero pérdese moito tempo navegando ida e volta e ademais algunhas illas están demasiado lonxe para chegar nunha xornada. Nós escollemos a outra alternativa, facer un cruceiro de cinco días que nos levou polas illas de Isabela, Fernandina e Santiago que son as mais occidentais e polo tanto as mais xóvenes en idade xeolóxica.
Embarcamos no
Golondrina, un barco pesqueiro reconvertido en yate de cruceiro con 16 prazas de pasaxeiros e 8 tripulantes. Unha xornada típica comeza erguéndonos coa saída do sol as 6 da mañá, con paseos a pé ou en lancha e unha sesión de
snorkel (buceo en superficie con tubo), e logo dun descanso tras a comida, o plan repítese pola tarde nun lugar diferente.
Unha das características da fauna das Galápagos é que aos animais non lles molesta a presencia humana. As normas do parque impiden aos visitantes achegarse a menos de 2 m de distancia deles, pero os animais non sempre respetan isto e é normal estar a 1 m ou menos de iguanas, tartarugas, lobos mariños ou aves pequenas e grandes, o que é gratamente sorprendente. O motivo é que case non hai depredadores e poucos animais son comidos por outros, logo conviven nos mesmos espazos sen molestarse moito entre sí e non ven aos outros seres vivos coma un perigo.
Cada vez que desembarcamos nunha illa atopamos unha paisaxe diferente. No illote Mosquera, que pouco mais era que un areal, un grupo de lobos mariños descansaba, acompañados por algunha solitaria iguana mariña e lagartixas da lava.
|
Lobo mariño das Galápagos (Zalophus wollebaeki) |
|
Phaethon aethereus |
|
Iguana marina (Amblyrhynchus cristatus) e lagartixas da lava (Microlophus spp.) |
|
Lagartixa da lava (Microlophus spp.) |
Na Punta Vicente Roca, no extremo norte da illa Isabela, demos un paseo en bote polos cantís observando de preto iguanas mariñas quentándose ao sol, mascatos (aquí chamados piqueros) de patas azuis e pelícanos.
|
Piquero de patas azuis (Sula nebouxii) |
|
Iguanas marinas (Amblyrhynchus cristatus) |
|
Pelícanos (Pelecanus occidentalis urinator) |
|
Pelícano (Pelecanus occidentalis urinator) |
Bañámonos con lobos mariños e tartarugas enormes e tivemos a sorte de poder ver cómo unha iguana se alimentaba baixo a auga.
|
Tartaruga mariña (Chelonia mydas) |
As iguanas mariñas son un dos animais máis fascinantes das Galápagos. Suponse que son descendentes dalgunha iguana terrestre orixinaria do continente sudamericano que sobreviviu á longa travesía por mar ata o arquipélago enriba dun tronco ou masa vexetal. Logo evolucionaron a dúas especies de iguanas diferentes, as terrestres e e as mariñas. Estas últimas viven en terra, pero van ao mar para alimentarse de algas e poden permanecer sumerxidas máis de 10 minutos. Nadan sen mover as patas, tan só usando os movementos da cola e do corpo. A súa dieta fai que inxiran unha gran cantidade de sal, e eliminan o exceso polo nariz mediante estornudos nos que expulsan un líquido salgado. Están presentes en case todas as illas do arquipélago, pero a colonia máis numerosas é a de Punta Espinosa, na illa Fernandina, onde centos delas se apiñan nas rochas para quentarse ao sol.
Tan só na illa Fernandina e na costa oeste de Isabela habita unha especie única de cormorán, que perdeu a capacidade de voar debido a ausencia de depredadores e só conserva unhas minúsculas ás residuais. Así, sen ás que lle estorben, é máis eficiente buceando.
|
Cormorán non voador (Phalacrocorax harrisi)) |
As oportunidades para ver fauna e flora endémica das illas continuaron nos días seguintes. Iguanas terrestres amarelas, lobos mariños de dous pelos, os pequenos pingüíns das Galápagos, fragatas que seguían o noso barco voando con elegancia e a subespecie de tartaruga propia do volcán Alcedo son tan só algúns exemplos.
|
Cactus da lava (Brachycereus nesioticus) |
|
Iguana terrestre (Conolophus subcristatus) |
|
Tartaruga xigante (Chelonoidis nigra) |
|
Lago Darwin en Isabela |
|
Garza de lava (Butorides sundevalli) |
|
Lobo mariño de dous pelos (Arctocephalus galapagoensis) |
|
Garza (Nyctanassa violacea) |
|
Fragata (Fregata spp.) |
|
Cangrexo (Grapsus grapsus) |
Pero sen dúbida o máis emocionante foi o encontro cun tiburón mentres facíamos snórkel.