18, 19 E 20 DE ABRIL DE 2017
Deixamos o Golondrina por uns días para ir coñecer o sur da illa Isabela pola nosa conta. Esta é, con diferencia, a illa mais grande do arquipélago, resultado da unión de varios volcáns aínda activos. Co tempo, a placa oceánica moverase cara América, o hotspot deixará de alimentar estes volcáns e a erosión do mar convertirá a Isabela en varias illas mais pequenas.
Unhas poucas rúas sen pavimentar dan lugar a Puerto Villamil, único núcleo de poboación de Isabela. É un sitio tranquilo, de aspecto tropical que vive totalmente volcado ao turismo. Desde alí poden facerse varias excursións interesantes, aínda que para case todas é obrigatorio ir acompañados dun guía por motivos de protección do medio natural.
Igrexa de Puerto Villamil con iconografía inspirada na natureza local |
Tomamos unha lancha rápida para ir a Los Túneles, onde a erosión do mar sobre unha colada de lava creou un labirinto de túneis, arcos, columnas e cavernas baixo a auga. O snórkel aquí é excelente, con moreas de tiburóns durmindo nas grutas, enormes tartarugas mariñas movéndose paseniñamente á nosa beira e ata algún cabaliño de mar entre as raíces dos mangles. Desafortunadamente, a nosa cámara subacuática funcionou moi mal e as únicas imaxes submariñas que temos son as feitas polo guía que nos acompañaba.
Tiburóns de punta branca (Triaenodon obesus). Foto cedida pola empresa Rosedelco. |
Tiburóns de punta branca (Triaenodon obesus). © Rosedelco. |
Tiburóns de punta branca (Triaenodon obesus). © Rosedelco. |
Tartaruga mariña (Chelonia mydas). © Rosedelco. |
© Rosedelco |
Despois do snórkel camiñamos un pouco polos arcos de lava, onde atopamos unha pequena colonia de piqueros de patas azuis levando a cabo a súa cómica danza de apareamento, consistente en asubiar mirando cara o ceo e ensinar as patas (as femias escollen aos machos coa cor azul máis viva).
O día seguinte fixemos unha longa camiñada polo volcán Sierra Negra, cunha caldeira de 10 km de diámetro e onde a última erupción ocorreu en 2005.
Continuamos un pouco máis ata Volcán Chico, unha zona de fisuras volcánicas e formacións de lava.
O noso último día en Isabela dimos un paseo pola costa por unha zona de humedais, manglares e praias desertas onde só estabamos nós acompañados de iguanas mariñas e multitude de especies de aves. Tamén atopamos no camiño unhas tartarugas, esta vez da subespecie característica do sur de Isabela.
Piqueros de patas azuis lanzándose en picado para pescar |
Flamenco (Phoenicopterus ruber) |
En Puerto Villamil tamén hai un centro de crianza de tartarugas, onde se adican a reproducir as 5 subespecies existentes na illa Isabela (unha por cada volcán). Destaca o caso do volcán Cerro Azul, que entrou en erupción en 1998 e puxo en perigo a toda a subespecie residente nel, así que foron rescatados 18 exemplares que se reproduciron en cautividade dando lugar a mais de 200 individuos novos nos primeiros dous anos.