Estamos desfrutando dunha longa viaxe percorrendo as Illas Galápagos. Están situadas no océano Pacífico, a 1000 km de Ecuador, que é o país ao que pertencen. A súa orixe é volcánica, resultado da actividade dun hotspot ou punto quente, un fenómeno que tamén crea o arquipélago de Hawai e é a clave que explica a xeoloxía de Islandia. Illadas do resto do mundo, e sendo xóvenes en idade xeolóxica, a súa colonización por parte dos seres vivos da lugar a uns ecosistemas singulares caracterizados por incluír numerosas especies que só existen aquí e que son o resultado dunha adaptación a este entorno diferente ao do seu lugar de orixe.
Logo de que Charles Darwin propuxera a súa teoría da evolución das especies, o arquipélago fíxose mundialmente coñecido, aínda que nunca tivo poboación permanente ata o século XX, o que permitiu que este ecosistema estea relativamente ben conservado. Todas estas características fan das Illas Galápagos un lugar fascinante para calquera persoa, pero son especialmente interesantes para quen guste de ver fauna salvaxe.
O noso periplo comeza na illa de Santa Cruz, que acolle a maioría da poboación en Puerto Ayora, capital de facto do arquipélago. Camiñando pola rúa principal xa atopamos algunhas das especies mais ubícuas das Galápagos: iguanas mariñas e pelícanos. Na pequena lonxa do pescado, estes últimos compiten cun lobo mariño polos restos que lles dan desde os postos de venta logo de limpar o peixe. A situación é cotián pero deixa estupefactos a moitos turistas. Unha garza e algunhas gaivotas tamén se achegan, e incluso unha iguana mariña observa curiosa, a pesar de ser unha especie vexetariana.
Na primeira tarde visitamos a Estación Charles Darwin, unha fundación de investigación e protección ambiental que, entre outras cousas, mantén un centro de reprodución de tartarugas xigantes (Chelonoidis nigra). Existen 11 subespecies diferentes de tartarugas terrestres nestas illas, e dado que alguna delas están en perigo de extinción, a reprodución en cautividade é a única forma de que aumente a súa poboación.
Descubrimos tamén as chumbeiras xigantes (Opuntia echios gigantea) endémicas da illa de Santa Cruz. Estes cactus poden alcanzar 12 m de altura, pero sobre todo impresiona o seu tronco parecido ao dun piñeiro.