29 E 30 DE ABRIL DE 2017

O avión que nos levou de volta ao continente desde a illas Galápagos fixo unha pequena parada na cidade de Guayaquil, para deixar algúns pasaxeiros e coller outros, antes de continuar cara a Quito. Isto permitiu que nos aproximásemos á capital de Ecuador desde o sur seguindo a Avenida dos Volcáns. Este é o nome que lle deu o naturalista Alexander von Humboldt  ao corredor central que percorre Ecuador de norte a sur flanqueado por dúas cordilleiras, ramais dos Andes, inzadas de volcáns. Desde a ventanilla do avión, puidemos ver un destes volcáns asomando a cabeza entre as nubes.


Aínda que Quito foi unha importante cidade durante o imperio inca a finais do século XV e principios do XVI, non quedan restos deste periodo, ao parecer porque foi incendiada para que os seus tesouros non caísen en mans dos españois. A cidade actual, situada a 2850 m de altitude, foi fundada por Sebastián de Benalcázar en 1534.

O centro histórico consérvase en bastante bo estado, con rúas estreitas, coloridas casas coloniais, animadas prazas e moitas igrexas barrocas cunha ornamentación interior moi recargada. As rúas están cheas de xente e unha multitude de vendedores ambulantes ofrece a viva voz toda clase de utensilios e alimentos por doquier.

Todos os domingos celébrase o día da bicicleta, as rúas do centro péchanse ao tráfico e centos de ciclistas saen a disfrutar da cidade. As igrexas católicas están cheas de feligreses e nas prazas hai predicadores de outras sectas que proclaman a berros o seu credo. Moitas tendas venden herbas e artiluxios para facer baños de sorte ou curar o mal de espanto, mal aire, mal de ollo e outras doenzas imaxinarias.

Moitas casas coloniais albergan bibliotecas, centros culturais e museos. Un dos destacados é a Casa del Alabado, que acolle unha colección de pezas precolombinas moi ben expostas nun edificio excelentemente rehabilitado. Lamentablemente a información aportada por este museo consistía nun conxunto de textos absurdos con interpretacións místicas que nada teñen que ver coa historia e a ciencia arqueolóxica.

A maior igrexa de Quito é unha basílica neogótica construída con formigón e pedra durante o século XX. Ademais das boas vistas da cidade que se ven desde as súas torres, gustáronnos as gárgolas de animais das Galápagos como tartarugas, iguanas e aves.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *