21 AO 28 DE ABRIL DE 2017
Embarcamos por segunda vez no iate Golondrina, nesta ocasión co propósito de que nos achegase ás máis orientais das Illas Galápagos. Seguindo unha rutina semellante á do primeiro cruceiro, fixemos unha ducia de desembarcos en terra e outras tantas sesións de snorkel polas illas Genovesa, Bartolomé, Santiago, Plaza Sur, Santa Fe, San Cristóbal, Española, Floreana e Seymour Norte. Pero antes fixemos unha curta parada na praia das Bachas, na illa Santa Cruz.
|
Setophaga petechia aureola
|
|
Pinzón |
A illa Genovesa, situada ao norte do arquipélago, sorprendeunos pola variada e abundante poboación de aves, moitas delas en época de cría e, como sempre, moi fáciles de ver a curta distancia. Estaban presentes as tres especies de piqueros (ou mascatos) que se poden ver nas Galápagos: os de patas azuis, os de patas vermellas e os de Nazca. Nesta illa cría a colonia máis grande do mundo de piqueros de patas vermellas, que fan o seus niños en árbores e arbustos, ao contrario que os piqueros de Nazca que aniñan directamente no chan.
|
Piquero de patas vermellas (Sula sula websteri) |
|
Piquero de patas vermellas (Sula sula websteri) |
|
Piqueros de Nazca (Sula granti) |
|
Piquero de Nazca (Sula granti) |
|
Piqueros de Nazca (Sula granti) |
Foi aquí onde presenciamos por primeira vez o espectáculo dos machos das fragatas (xénero Fregata) exhibindo a enorme bolsa vermella na gorxa que inchan para atraer ás femias. Póusanse en grupos sobre arbustos facendo todo o ritual de atracción cada vez que pasa unha femia. Son aves de pouco peso e grande envergadura, moi hábiles no aire, e aliméntanse de pequenos peixes que capturan na superficie do mar sen deixar de voar. Ocasionalmente adícanse a roubarlle a comida a outra aves, as que atacan para facelas regurxitar, polo que se lles chama tamén paxaros pirata.
Completaban o catálogo de aves de Genovesa o paíño das galápagos, pequena ave que voaba aloucadamente en grandes bandadas ao borde do cantil, o bufo de orellas pequenas que durmía nunhas fisuras volcánicas, a pomba das Galápagos e a gaivota de cola bifurcada, especies endémicas destas illas.
|
Paíño das Galápagos (Oceanodroma tethys) |
|
Bufo (Asio flammeus galapagoensis) |
|
Pomba das Galápagos (Zenaida galapagoensis) |
|
Pomba das Galápagos (Zenaida galapagoensis) |
|
Gaivota de cola bifurcada (Creagrus furcatus) |
Ao día seguinte erguémonos cedo pola mañán para visitar Bartolomé, unha pequena illa case deserta de fauna pero que destaca pola bonita paisaxe e as amplas vistas. Desde o seu cumio alcánzase a ver a veciña illa Santiago e outras menores, con variadas formacións volcánicas como conos de cinza, cráteres e campos de lava.
|
Lagartixa da lava (xénero Microlophus) |
En contraste coa aridez de Bartolomé e Santiago, as illas Plaza Sur e Santa Fe están provistas dunha vexetación relativamente abundante e moi vistosa de sesuvium e opuntias xigantes que serven de alimento ás iguanas terrestres, outro dos animais emblemáticos e doados de ver das Galápagos. Miden ata 1,5 metros de lonxitude, contando a longa cola, e poden pesar ata 13 kg. Hai tres especies diferentes de iguanas terrestres nas illas: unha delas, de cor máis claro, exclusiva da illa Santa Fe.
|
Iguana terrestre (Conolophus subcristatus) |
|
Opuntias xigantes |
|
Iguana terrestre de Santa Fe (Conolophus pallidus) |
|
Iguana terrestre de Santa Fe (Conolophus pallidus) |
|
Gaivota de cola bifurcada (Creagrus furcatus) |
San Cristóbal, a illa máis vella do arquipélago cuns 3 ou 4 millóns de anos, foi a primeira que pisou Darwin en 1835. Nela viven unhas 6000 persoas, o que a convirte na segunda illa máis poboada das Galápagos, despois de Santa Cruz. Alí percorremos en panga, que é como chaman aquí aos botes, os cantís de Cerro Brujo e fixemos snorkel en León Dormido, un illote formado por cinza volcánica compactada e partido en dous pola erosión. En illa Lobos, preto da costa, vive unha colonia de amigables lobos mariños cos que compartimos xogos baixo a auga.
|
Ostreiro (Haematopus palliatus) |
O cruceiro continuou para desembarcar en Española, única illa onde aniñan os albatros das Galápagos, enormes paxaros con aspecto de gaivotas que teñen mais de 2 m de envergadura de alas. Durante os meses de abril a decembro, que é cando crían, toda a poboación mundial adulta destes animais está en Española. En decembro, a colonia enteira abandona a illa para pasar 3 ou 4 meses no mar, sen tocar terra. Teñen un elaborado ritual de cortexo que puidemos presenciar a poucos metros de distancia.
|
Albatros das Galápagos (Phoebastria irrorata) |
Española é unha das illas máis remotas do arquipélago e por ese motivo conta cun bo número de especies e subespecies endémicas. É exclusiva deste lugar unha subespecie das iguanas mariñas, que aquí teñen a pel tinxida de vistosas cores vermellas, azuis e verdes en lugar de ser negras como noutras illas.
|
Iguana mariña de Española (Amblyrhynchus cristatus venustissimus) |
|
Calandra (xénero Mimus) |
|
Cangrexo ermitaño |
Floreana é a cuarta illa habitada do arquipélago, e o seu centenar de habitantes viven principalmente da agricultura e gandería, alleos ao turismo do que sacan proveito o resto de habitantes das Galápagos. Unha lagoa con flamencos e un cráter volcánico parcialmente sumerxido onde fixemos snorkel foron as nosas visitas nesta illa.
A illa Seymour Norte foi a nosa última visita nas Galápagos, xusto antes tomar o avión que nos levaría de volta ao continente. Unha magnífica despedida onde dixemos adeus a tantas especies singulares, descoñecedoras do medo; a un lugar, posiblemente o único do mundo, onde os seres humanos somos simplemente ignorados polo resto de animais.
|
Piqueros de patas azuis (Sula nebouxii) |
|
Fragata (xénero Fregata) |
|
Iguana terrestre (Conolophus subcristatus) |