Durante os meses de verán estaremos viaxando por Noruega. Dado que iremos ata alí en coche, nos esperan longas xornadas conducindo por autoestradas a través de Europa. Moitos lugares de interés turístico quedan de camiño, así que aproveitaremos para achegarnos a algúns deles.
A nosa primeira parada foi na rexión dos castelos do Loira, onde se concentran en poucos quilómetros numerosos châteaux renacentistas, que son pazos ou casas da nobleza que por ser construídos sobre antigos castelos medievais, conservan elementos do seu pasado fortificado.
Dado que a oferta é ampla e o noso interese limitado, escollimos visitar soamente o Château de Chenonceau, do século XVI. No seu comezo foi residencia de mulleres da alta nobleza próxima á monarquía, logo pasou a mans de xente adiñeirada e durante a 1ª Guerra Mundial serviu de hospital militar. Hoxe é o monumento privado máis visitado de Francia.
O salón de baile permite pasar dunha ribeira a outra |
O edificio é bastante singular, pois está situado sobre o río Cher, polo que ademais de pazo é ponte entre as dúas ribeiras. Nos salóns e aposentos do interior síntese o poder que tiñan as residentes e o luxo co que vivían, pois están adornados con mobles construídos con materiais traídos de todo o mundo, enormes tapices de Flandes cubrindo as paredes e cadros pintados por célebres artistas.
Na planta baixa, dentro dos pilares da ponte, están as cociñas, forno, despensa e carnicería.
Carnicería do château |
O château está rodeado duns enormes e coidados xardíns nos que ademais se cultivan un centenar de plantas que serven para facer os arranxos florais que adornan o interior do castelo.