3 DE AGOSTO DE 2017

Quixemos aproveitar un dos escasos días de sol cos que conta o verán noruego para camiñar por Romdalseggen, outra ruta ben coñecida entre os habitantes do país. Collimos un autobús en Åndalsnes que nos levou ata o punto de inicio xunto con outros moitos sendeiristas de todas as idades que tamén querían aproveitar o bo tempo. A ruta non é demasiado dura aínda que conta con bastante desnivel no comezo e no final.
A parte intermedia da ruta discorre por unha cresta rochosa con fabulosas vistas ao fiordo e a varios valles glaciares, montañas nevadas, ladeiras cubertas de bosque e a un meandro do río que completa unha paisaxe realmente bonita.

Había tanta xente facendo a ruta que en varios pasos estreitos tivemos que parar e facer cola para poder pasar. Un tramo que poderíamos camiñar en 15 minutos levounos máis de unha hora polas esperas. Levamos anos camiñando por montañas de medio mundo e nunca nos pasara isto; neste país foi a segunda vez que nos ocorre.

Ao final da cresta nos esperaba outro feito insólito: un concerto no alto da montaña. Coincide que en Åndalsnes celébrase un festival de rock e supoñemos que este foi un evento especial dentro do programa. Un helicóptero trasladou aos músicos e o material e o público subeu camiñando. Parecía ser un grupo ben coñecido no lugar porque a xente cantaba as cancións con entusiasmo.

Un numeroso grupo de xente reúnese no final da cresta

Pillounos o fin do concerto cando iniciábamos o descenso e volvimos a quedar no medio dunha masa que descendía a montaña de xeito atropellado.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *