Comezamos este día subindo a un barco turístico para percorrer os fiordos Aurlandsfjord e o seu ramal Nærøyfjord. Con 29 e 18 km de lonxitude respectivamente, ambos son ramas do gran Sognefjord, de 205 km, o máis longo de Noruega. Estes dous fiordos teñen paredes verticais de 1000 m e son bastante estreitos, variando a súa anchura entre 2 km e 500 m na parte máis angosta. Desde o barco pódese apreciar o fiordo desde o interior, pero nos parecen máis atractivas e espectaculares as vistas que hai desde os miradores situados a maior altura, pois vense os fiordos cunha perspectiva máis amplia que da unha idea do seu enorme tamaño.
Ao dia seguinte visitamos a igrexa de madeira de Borgund, construída en 1180 e que se conservou sen cambios notables. O templo é moi semellante ao de Heddal do que falamos hai uns días, aínda que un pouco mais pequeno.
Pórtico principal |
Pórtico lateral con leóns nos capiteis |
Son moi bonitas as cabezas de dragón botando lume que rematan os tellados, aínda que posiblemente sexan copias feitas no século XVIII.
Ao lado da igrexa medieval están a igrexa nova, vermella e do século XIX, e o campanario exento de madeira do século XIII, que é o único deste tipo que se conserva.
No mesmo día fixemos moitos quilómetros por estrada rodeando fiordos e atravesando portos de montaña por zonas un tanto remotas e pouco poboadas. Tivemos tempo de visitar o glaciar Nigardsbreen, que é unha das varias linguas que baixan de Jostedalsbreen, o maior glaciar da Europa continental.