23 DE XULLO DE 2017

Cruzamos a Suecia desde Dinamarca a través da longa ponte de Øresund e subimos pola costa suroeste sueca ata chegar a Fjällbacka.
Coñecíamos esa pequena vila costeira por ter visto unha serie sueca de TV, baseada nuns libros de grande éxito no seu país e no estranxeiro, que tratan sobre uns crimes cometidos alí.

A historia do lugar está moi vinculada á pesca, aínda que actualmente a industria e o turismo son a actividade principal dos seus 1000 habitantes. Durante o verán recibe moitos visitantes, a súa poboación multiplícase por 20 e o porto énchese de barcos de recreo. Aínda así Fjällbacka segue conservando as casas tradicionais de madeira e repartidos por toda a costa pódense ver os pequenos alpendres que os pescadores usan para gardar os seus utensilios.

A poucos quilómetros de Fjällbacka hai unha grande cantidade de grabados rupestres datados entre 1800 e 500 a.C que mostran persoas, embarcacións e animais domésticos. Os petroglifos foron pintados de vermello para facilitarlle aos visitantes a observación das figuras, pero esta práctica pareceunos que falsea o aspecto orixinal dos gravados e pode producirlles danos irreparables. Os especialistas galegos na materia consideran esta acción unha aberración, e puxeron en práctica técnicas que permiten visualizalos sen danalos. Tivemos a sensación de que aquí en Suecia non teñen moito interese en coidar este patrimonio, e doe un pouco saber que estes grabados son Patrimonio da Humanidade e os galegos non.

Petroglifos sen pintar

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *