A costa ártica de Noruega está moi fragmentada en illas e fiordos, como se o continente estivese roto en mil anacos. A distancia entre os anacos é corta, e semella que con pouco esforzo se podería recompoñer o puzzle. Se non se mira o mapa, un nunca sabería que Senja é unha illa, a segunda máis grande de Noruega. Está unida á terra por unha ponte, pero nós entramos a bordo dun ferri desde Andenes e collemos outro para sair e continuar o noso camiño cara Tromsø.
Tromsø é a maior cidade da rexión ártica de Noruega, e durante o inverno se enche de viaxeiros que veñen ata aquí para ver as auroras boreais. Este fenómeno tamén se produce durante o verán pero é imposible velo porque, aínda que en agosto o sol xa se mete por debaixo do horizonte, a noite nunca chega e hai demasiada luz no ceo.
Catedral do Ártico |
Biblioteca de Tromsø |
O centro da cidade, situado sobre unha illa, foi conectado coa terra firme en 1960 por unha ponte que no seu momento foi unha novidade no país e supuxo unha mellora notable nas condicións de vida dos seus habitantes, ata o punto de que hoxe é un ben patrimonial protexido. As características xeográficas dalgunhas rexións noruegas fixeron que no pasado as comunicacións por estrada foran moi difíciles ou imposibles, así que ademais de numerosas pontes construíronse centenares de túneis que atravesan mares e montañas. A impresión que nos queda é que este é o país do mundo con mais estradas baixo terra.
Tamén paseamos un bo rato polo xardín botánico da Universidade de Tromsø, que acolle unha colección de prantas de climas árticos de todo o mundo. Sorprende non só a variedade, senón a exhuberancia da floración dunhas prantas adaptadas a un clima durísimo.