Chegamos ao sur de Noruega despois dunha semana de viaxe e ter atravesado 6 países diferentes ao longo de 3000 km. O ceo gris, as temperaturas baixas, as estradas estreitas e con curvas e longos túneis déronnos a benvida. Quedan por diante outros 2000 km para chegar ao Cabo Norte, pero o longo traxecto non é mais que unha excusa para percorrer con calma o país de punta a punta.
Como país occidental e europeo que é, Noruega garda moitas semellanzas co resto dos países do continente. Pero pouco a pouco imos atopando cousas extranas que nos fan abrir os ollos de sorpresa.
Como a Igrexa de Heddal do século XII, construida en madeira e sen cravos polos primeiros católicos da Escandinavia, e que presenta un excelente estado de conservación.
Este tipo de igrexas, chamadas hoxe “de postes” por descansar toda a estructura en grosos postes de madeira a modo de columnas, foron edificadas desde finais de século XII ata o XIV, momento en que a peste negra causa unha fonda crise de poboación no norte europeo. Posteriormente a reforma luterana esixe adaptar as igrexas ao novo culto e remodélanse os interiores. Actualmente só quedan 28 das 2000 igrexas deste tipo que se estima que había na Idade Media.
A igrexa de Heddal é a mais grande das que se conservan, e os feligreses do entorno aínda a usan para os seus ritos. No exterior dominan as numerosas cubertas de tellas de madeira e a cor escura, froito do recubrimento de brea que se lle aplica tradicionalmente para protexer a madeira da humidade. Un corredor percorre todo o perímetro protexendo as catro entradas.
No interior as columnas están rematadas por rostros que representan antigos deuses vikingos. A carón do altar aínda está un trono episcopal do século XIII con esceas talladas dunha saga vikinga.
Logo deste fantástico comezo, fixemos unha rota de sendeirismo pola meseta de Hardangervidda, lugar onde con sorte se poden ver manadas de renos salvaxes. Non tivemos esa sorte, e tampouco nos gustou moito a monótona paisaxe.
Rematamos o día acampados á beira dun río onde viven algúns castores, aínda que polo seu comportamento nocturno son difíciles de ver e fotografiar.