27 E 28 DE DECEMBRO DE 2017

A pesar da súa beleza, os monumentos en Marrakesh non son o máis destacable da cidade. O modo de vida da xente na rúa, nos zocos, nos cafés e na grande praza Jemaa El-Fnaa é algo difícil de imaxinar ata que se chega aquí. Hai un bullicio constante e cambiante ao longo do día e tráfico de dúas, tres e catro rodas con tracción animal, humana e a motor. Isto é semellante ao que se pode ver en calquera cidade non occidental, pero no mundo árabe os zocos concentran gran parte da actividade comercial.

Camaleón en venta

Na parte antiga da cidade, coñecida como medina, moitas rúas están adicadas á venta de todo tipo de produtos. Son rúas estreitas, moitas delas cubertas para protexerse do sol, de trazado labiríntico, pola que circulan persoas, carros, burros e  motos. Infinidade de pequenas tendas venden aqueles productos da súa especialidade: hai postos de lámpadas, de babuchas, de especias, de mobles, de carne, de galiñas, de telas, de chilabas, de cerámica, etc. A inmensa maioría dos clientes son os habitantes da cidade que fan a compra habitual, aínda que tamén se ven moitos turistas curioseando e mercando.

A praza Jemaa El-Fnaa é unha grande explanada situada no corazón da medina e está bordeada de pequenas tendas, cafés e restaurantes. O ambiente cambia durante o día e alcanza o clímax coa posta de sol, pois ademais de abrir os postos de comida, xúntanse alí todo tipo de vendedores ambulantes, saltimbanquis, músicos e contadores de historias, encantadores de serpes e domadores de monos, tatuadoras de henna, etc. A praza énchese de xente que ven a participar do ambiente festivo, e ao igual que no zoco, o público é maioritariamente local e os turistas asistimos asombrados a este espectáculo sen igual. Esta especie de feira vense celebrando a diario desde hai varios séculos, e o ambiente de Jemaa El-Fnaa foi declarado Patrimonio da Humanidade en 2001.

Músicos en Jemaa El-Fnaa

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *