4 DE XANEIRO DE 2018
Meknès (en español Mequinez) é unha das catro cidades imperiais de Marrocos xunto con Marraquesh, Fez e Rabat, chamadas así por ter sido capitais do país nalgún momento da historia. Foi o sanguento sultán Mulay Ismail o que trasladou a capital de Fez a Meknès en 1672 para volver a Fez en 1727 tras a morte deste gobernante.
Mandou construir unha enorme muralla que rodea a cidade dotada de varias portas monumentais e un enorme palacio con cuadras para 20000 cabalos.
|
Bab Mansour |
Pasamos a mañán paseando pola medina de Meknès, máis tranquila que as de Marrakesh ou Fez, e entramos na preciosa madrasa Bou Inania, que comparte nome coa de Fez por ter sido ambas construídas polo mesmo sultán meriní Abu Inan no século XIV.
|
Rúa cuberta no zoco de Meknès |
Pola tarde achegámonos a Volubilis, unha cidade incorporada ao Imperio Romano no século I da que só quedan algunhas ruinas. Nos séculos II e III converteuse nunha das principais cidades da Mauritania – nome dado polos romanos ao norte de África – grazas ao comercio con trigo, aceite e animais salvaxes para os circos, momento no que se dota de grandes edificios monumentais. A cidade tivo unha lenta decadencia que comezou a finais do século III cando foi abandonada polos romanos, e continúa ata que no século XVIII Mulay Ismail a desmantelou para usar os materiais no seu palacio en Meknès.
|
Templo de Xúpiter capitolino |
|
Basílica |