Desde Ouarzazate tomamos á estrada en dirección sureste que percorre o val do rio Drâa. Este río, o máis longo de Marrocos, fluía antigamente desde o Atlas ata o Atlántico, pero desde hai mil anos o seu caudal foise reducindo e agora a auga circula polo subsolo en máis da metade da súa lonxitude. O Drâa acolle un extenso e ininterrumpido palmeiral de 100 km de longo onde habitan máis de 200000 persoas. Numerosas kasbahs e ksur (plural de ksar) se suceden ao longo deste val, en diferentes estados de conservación e uso; a maioría están abandonadas e en ruina, pero outras seguen habitadas pola poboación local.
En Agdz paseamos polo palmeiral, onde cada familia ten unha pequena parcela de terra para o cultivo de horta e frutais baixo as palmeiras.
Kasbah en restauración en Agdz |
En Tamnougalt hai un ksar deshabitado de grandes dimensións transformándose pouco a pouco nunha cidade en ruinas. Dentro deste ksar hai varias kasbahs moi grandes e espectaculares. Unha delas, que foi a sede do caíd (representante do sultán) está sendo restaurada e puidemos visitar o seu interior.
Posteriormente percorremos as estreitas rúas do ksar, que están flanqueadas polos altos muros da muralla e as paredes das casas. As rúas están cubertas polas plantas superiores das vivendas quedando só pequenos tramos abertos ao ceo. Desta forma conséguese manter unha temperatura agradable no interior do ksar durante o caluroso verán presahariano. Paseamos sós por esta cidade sen xente, onde se desenvolveu unha cultura que probablemente permaneceu inalterada durante milenios, pero que foi abandonada hai tan só uns poucos anos.
Ksar Tamnougalt desde o seu palmeiral |
A nosa ruta terminou no Ksar Tissergate, no que os seus habitantes levan unha vida normal e corrente á marxe dos poucos turistas que nos achegamos a curiosear.
Fantástica viaxe, dan ganas de marchar.
E qué tal os ceos nocturnos? Fixestes algunha foto?
Case nada de fotos nocturnas: non viaxmos con trípode, a cámara é un pouco limitada para a astronomía, había lúa chea e non estivemos hospedados en lugares especialmente escuros. Había unha lúa vermella moi bonita en Fez, pero o contraste coa cidade escura era moi grande para que saíse ben a foto.