1 E 2 DE XANEIRO DE 2018

Pasamos a noite de fin de ano en Tinghir, unha cidade chamada tamén Tinerhir, que conta cun frondoso palmeiral de 30 km de lonxitude. Olivos e frutais mestúranse coas palmeiras e as hortas producen toda clase de verduras. Esta abundancia é posible grazas ao río Todra, cuxas augas aprovéitanse ata a última gota mediante unha complexa rede de canais permitindo así alimentar a numerosos ksur ao longo do seu curso.

O Todra excavou unha alta e estreita garganta a poucos kilómetros de Tinghir, moi popular entre os grupos de turistas e que nós fumos ver ben cedo para evitar as aglomeracións.

Nas aforas de Tinghir, no ksar de Afanour, estase levando a cabo unha restauración da antiga medersa-mezquita Ikelane, que funcionou ata os anos 70 como escola e residencia de estudantes procedentes de pobos alonxados, ademáis de como mezquita do barrio.

O vixiante do edificio ensinounos con moito orgullo as diferentes estancias, explicounos a súa función e relatounos as obras acometidas. Tamén nos falou dun dos promotores desta restauración, un aventureiro e escritor catalán chamado Roger Mimó que logo de asentarse nesta rexión estudou as técnicas tradicionais de construcción con barro e participou nalgunhas rehabilitacións moi interesantes. O obxectivo é utilizar o turismo responsable para poñer en valor o patrimonio histórico e arquitectónico da rexión. No ksar El Khorbat, por exemplo, introducíronse melloras nas condicións de vida dos seus habitantes e algunhas das casas foron reformadas para albergar un hotel con todas as comodidades e un museo. Non nos coincidiu ben co plan da viaxe aloxarnos nese hotel, pero paramos un rato para coñecer o ksar e pasear polas súas rúas cubertas.

A media tarde chegamos a Merzouga, unha localidade ao pé das dunas de Erg Chebbi, no deserto do Sáhara. A pesar de levar varios días en zona desértica, estas foron as primeiras dunas que vimos. A palabra erg designa precisamente a este deserto areoso, mentras que a maior parte do deserto é pedregroso e se coñece como hammada. Ao atardecer subimos a duna máis alta para contemplar a posta do sol e a saída da lúa.

O día seguinte abandoamos o deserto e emprendimos o longo camiño cara o norte do país co obxectivo de durmir en Fez. Para iso, tivemos que cruzar de novo a cordilleira do Atlas e atravesar un bosque de cedros no que habitan os monos de Berbería (Macacus sylvanus), a mesma especie de monos que hai no peñón de Gibraltar.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *