6 DE XANEIRO DE 2018

Fixemos unha corta visita a Rabat, capital de Marrocos desde que se estableceu o protectorado francés en 1912. Comparándoa coas outras cidades que coñecimos, é máis tranquila, menos caótica e de apariencia moderna e occidental. No século XII os almohades levantaron unha fortaleza nunha punta rochosa situada sobre o océano Atlántico e comezaron a construir unha mezquita que pretendía ser a mais grande do mundo islámico. Sen embargo a mezquita e o seu minarete quedaron inacabados pola morte do seu promotor, e a cidade entrou nunha longa decadencia.

O minarete, xemelgo da Kutubía de Marrakesh e a Giralda de Sevilla, preside hoxe unha gran praza na que tamén está o mausoleo dos reis do país.

O rexurdir de Rabat ven da man dos piratas a partir do século XVII. En 1609 o rei de España decreta a expulsión de miles de moriscos que emigran a Marrocos, asentándose unha pequena parte deles en Salé e Rabat, dous portos separados polo rio Bou Regreg. Estes recén chegados adicáronse á piratería atacando ás potencias europeas no Atlántico e no Mediterráneo, e proclamaron unha república independente do sultanato de Marrocos que durou 60 anos. Este porto de piratas berberiscos foi un dos moitos que existiron no norte de África e que causaron estragos ata o século XIX nos mares e costas do Atlántico e sobre todo, o Mediterráneo. A principal actividade destes corsarios consistía na captura de cristiáns para vender como escravos, o que motivou que amplas zonas costeiras foran abandonadas e os seus habitantes se instalaran no interior.

Rematamos aquí a nosa viaxe por este país tan próximo, pero á vez tan exótico. Cremos que Marrocos é moi recomendable porque é un destino que posibilita achegarse a unha cultura marcadamente diferente á que temos en Europa. Porque é fácil e seguro, pois o pais está dotado dos servizos e infraestructuras básicas. E está suficientemente cerca para poder chegar incluso en coche nun par de xornadas.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *