23 AO 26 DE MARZO DE 2018

Roma é unha cidade que merece a pena visitar por moitos motivos: a gastronomía, a arte, a historia, o ambiente das rúas, conforman un conxunto que non se repite noutro lugar. Foi a capital e o centro do noso mundo durante case dous milenios, primeiro na idade antiga e despois, tras un periodo de decadencia, conseguíu recuperar moita da súa influencia grazas ao poder dos papas. En cada rincón da cidade aparecen anacos deste pasado que tanta importancia tivo na nosa cultura e no que hoxe somos, aínda que non sempre é fácil valorar e comprender aquilo que se nos presenta diante dos ollos.

Arco de Constantino e Coliseo
Detalle do Arco de Constantino

Visitamos Roma por primeira vez hai uns anos, e a pesar de que foi unha experiencia positiva, quedamos coa sensación de non ter aproveitado todo o que a cidade ofrecía, xa que non coñeciamos suficientemente a historia nin contabamos cunha guía que nos informase co detalle requerido. Desde o momento en que programamos esta nova viaxe, decidimos aprender o máximo posible acerca da historia de Roma e para iso usamos diferentes recursos como películas e series, podcasts, a wikipedia e manuais universitarios. Pero o que marcou a diferencia unha vez alí foi a estupenda guía de Roma que levamos, unha detallada audioguía que nos permitiu coñecer aspectos históricos e artísticos dos monumentos e lugares que visitamos que doutro xeito pasarían totalmente desapercibidos. A audioguía Tutta Roma e o libriño de apoio que a acompaña están moi ben producidos e estructurados, ademáis de documentados con grande rigor histórico, e coa súa axuda puidemos descifrar sitios arqueolóxicos tan complexos como o Foro Romano.

Foro romano

Este lugar, que a primeira vista aparece como un campo de ruinas desordenadas, foi o centro do poder durante moitos séculos, e o lugar onde aconteceron moitos feitos que aparecen nos libros de historia. Aquí se celebrou o funeral de Xulio César, aquí pronunciaba os seus discursos Cicerón, e aquí a súa cabeza e man dereita foron exhibidas tras ser asasinado por orde de Marco Antonio. O foro de calquera cidade romana era o lugar onde se concentraban diversos edificios como os templos adicados ás diferentes divinidades da relixión romana, as curias nas que se reunía o senado e as basílicas, edificios diáfanos onde se celebraban xuizos e se facían negocios. Grandes xenerais e emperadores levantaron arcos de triunfo para celebrar victorias e conquistas.

Foro romano
Foro romano
Templo de Antonino e Faustina, reutilizado como igrexa
Basílica de Maxencio e Constantino
Relevo no Arco de Tito que amosa o botín tomado na destrucción do templo de Salomón en Xerusalén

Arredor do século I este foro foi quedando pequeno e edificáronse outros foros nas proximidades, agora coñecidos en conxunto como foros imperiais, onde se atopa a famosa Columna de Trajano, cuberta de relevos nos que se commemoran as victorias militares deste emperador.

O monumento máis coñecido de Roma é o Coliseo, un enorme anfiteatro iniciado no século I polo emperador Vespasiano para ofrecerlle ao pobo os xogos que tanto apreciaban. Tiña capacidade para 50000 espectadores para os que a entrada era sempre gratuita e estivo en funcionamento durante uns 400 anos. O seu funcionamento estaban moi organizado: os espectadores tiñan asignada a súa localidade cun número, sabían cal era a súa porta de entrada e saída e as diferentes clases sociais non se mesturaban. Un enorme conxunto de toldos – o velarium – cubría as gradas e parte da area, e era manexado desde o exterior con cordas e poleas por un grupo de mariñeiros. Na Idade Media foi usado como canteira de mármores e outras pedras, convertido en fortaleza e incluso aloxou unha igrexa no seu interior.

Consérvase parte do pavimento orixinal e os cipos que suxeitaban o velarium

Outro monumento icónico da Roma antiga é o Panteón, que ordenou construir o emperador Adriano no século II sobre os restos dun templo anterior edificado polo xeneral Agripa. Ata que no século XIX se fixo un estudo coidadoso, pensábase que Agripa fora o constructor, pois é o seu nome o que aparece na inscripción da fachada.

O Panteón era un edificio relixioso adicado no seu inicio a todos os deuses, de onde deriva o seu nome, aínda que no século VII foi consagrado como igrexa cristiana e este uso continuou ata a actualidade. Está considerado como o templo romano mellor conservado, pero ademais a súa técnica constructiva todavía recibe atención nas escolas de arquitectura. Ao atravesar o seu pórtico de entrada accédese a un enorme espacio circular cuberto case totalmente por unha enorme cúpula, cun orificio superior polo que entra a luz, o vento e a chuvia. Esta cúpula, construida con formigón e diferentes tipos de pedra, é unha obra mestra da enxeñería romana, e foi estudada polos grandes constructores do renacemento tentando lograr unha obra semellante. O Panteón sobreviviu 19 séculos sen reformas notables nin danos destacables na súa estructura.

Aínda que moitos dos edificios da época imperial foron destruídos ou alterados de forma substancial, outros foron reutilizados para novos usos. É chamativa a imaxe que ofrece hoxe o Teatro de Marcelo, construído no século I a.C. por Augusto – o primeiro emperador – e sobre o cal se edificou unha fortaleza na Idade Media e logo un palazzo no Renacemento.

O mesmo Augusto edificou o Ara Pacis, un precioso altar de mármore branco no que se facían sacrificios rituais de bois para celebrar a Pax Augusta, período de tranquilidade no territorio romano que seguiu ás victorias militares logradas por este gobernante. O altar desapareceu no subsolo romano ata que no século XVI empezaron a recuperarse algunhas pezas, que se identificaron definitivamente no século XX, cando foi excavado e restaurado.

Os Museos Capitolinos albergan unha importante colección de obras de época romana, a maioría procedentes das donacións de varios papas. A coñecida Loba Capitolina datouse recentemente no século XII, aínda que sempre se pensou que era unha obra etrusca do século V a. C.

Restos da colosal estatua de Constantino que estaba na Basílica de Maxencio
Loba capitolina
Escultura de orixe grego atopada en Roma cerca do circo Máximo

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *