Italia

Á sombra do Vesubio: Nápoles, Pompeia e Herculano

27 E 28 DE MARZO DE 2018

No ano 62 un forte terremoto afectou á rexión de Nápoles, causando graves danos nos edificios do lugar. As cidades de Pompeia e Herculano quedaron moi afectadas, e a destrucción e a crise posterior fixeron que parte da poboación marchara para outros sitios. Terremotos de menor magnitude continuaron producíndose e os habitantes que quedaran habituáronse a eles. No ano 79, dezasete anos despois do gran terremoto, o monte Vesubio, o grande volcán que domina o Golfo de Nápoles, entrou en erupción, cuspindo fume, cinzas e pedras polo cráter da súa cima. Unha chuvia fina de materiais comezou a caer sobre Pompeia, e sábese que algúns habitantes decidiron fuxir neste momento. Pouco a pouco a chuvia foi facéndose máis violenta, e pedras de varios quilos comezaron a cair sobre a cidade, derrumbando os teitos dalgunhas casas e matando a quenes tentaban fuxir. Finalmente un fluxo piroclástico, composto dunha densa mestura de gases a altísima temperatura con materiais sólidos en suspensión, extendeuse pola cidade matando aos que puideran quedar vivos, cubrindo todo con capas de cinzas e lapilli que selaron a urbe durante moitos séculos. Herculano, que tiña casas sobre a praia, quedou sepultada por 15 m de sedimentos que se aprecian perfectamente na entrada ao xacemento.

Antiga praia de Herculano. A dereita os 15 m de sedimentos que sepultaron a cidade

No século XVIII redescubríronse os restos de ambas cidades, que comezaron a excavarse para extraer esculturas e obxectos artísticos, moitos dos cales poden verse hoxe no museo arqueolóxico de Nápoles.
En Pompeia e Herculano preserváronse aspectos da vida da Roma antiga que noutros lugares foron modificados ou destruidos nas sucesivas fases da historia. Aquí quedaron conxelados no tempo o trazado urbanístico, os pavimentos de rúas e beirarúas, a estructura e decoración das casas e os edificios públicos e incluso propaganda electoral pintada nas paredes.

Rúa de Pompeia con pasos para peóns
Termas públicas
Termas públicas
Tuberías de chumbo en Herculano

O máis valioso e singular son os numerosos frescos que adornaban as estancias privadas das casas máis acomodadas, que non se conservan en case ningún outro sitio. Tamén se preservaron mosaicos, molduras de escaiola, mobles de metal e madeira, mamparas, estanterías e útiles domésticos.

Cave canem (Ollo ao can)

En ambos xacementos se poden ver numerosos thermopolia, establecementos onde vendían comida quente ás clases máis humildes que non podían permitirse ter unha cociña na casa.

Cartel pintado cos prezos do viño

Durante as excavacións as veces atopábanse ocos na cinza con restos óseos e a forma de corpos humanos, e en 1863 o director do xacemento propuxo encher de escaiola estes ocos para obter o molde da persoa falecida. As siluetas amosan rasgos de horror e desesperación que aínda sobrecollen case 2000 anos despois.

Desde o descubrimento destes dous xacementos, os mosaicos e frescos máis valiosos incorporáronse a coleccións privadas de persoas poderosas, pero na actualidade a maioría están no Museo Arqueolóxico de Nápoles, que tamén acolle a importante colección Farnese constituida por esculturas clásicas.

Mosaico da batalla de Alejandro Magno contra Darío, orixinalmente decoraba o chan dunha casa pompeiana
Memento mori
Mosaico con comediantes
Hércules farnesio

Nápoles é unha cidade sucia e caótica, na que as cousas parecen abandonadas á súa sorte sen que ninguén se preocupe de coidalas, e o lixo, a suciedade e as pintadas chegan a todas partes. Non deixa de ter o seu encanto, pois hai un bullicio constante e o seu pasado histórico todavía se manifesta en fachadas e monumentos. Os seus moitos palazzos, con grandes portais e patios son hoxe usados como bloques de vivendas, aínda que nun estado de conservación moi mellorable. A gastronomía é certamente apetitosa, destacando as sinxelas pero exquisitas pizzas e a fabulosa repostería.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *