Italia

As vivendas tradicionais de Matera e Alberobello

31 DE MARZO DE 2018

Abandonamos a costa do Tirreno para achegarnos ata o mar Adriático, pasando antes por Matera e Alberobello, duas vilas singulares polo tipo de vivendas nas que habitaban os seus poboadores.
En Matera se distinguen claramente tres zonas urbanas diferentes: a medieval, a troglodita e a moderna. Ata a década de 1950, máis da metade da poboación da vila vivía nos sassi – covas excavadas na rocha – convivindo con animais en condicións sanitarias moi precarias, desnutridos e azoutados por malaria, cólera e tifus. A mortalidade infantil era moi alta e a maioría dos adultos eran analfabetos. O goberno italiano decidiu acabar con esta situación, que se consideraba unha vergoña nacional, e decretou por lei o traslado forzoso dos habitantes dos sassi a vivendas de nova construcción situadas a pouca distancia.

Actualmente Matera goza dunha boa situación económica e moitos sassi foron restaurados para convertelos en hoteis con encanto ou en restaurantes. O seu casco histórico servíu de escenario para numerosas películas de temática relixiosa pola súa suposta semellanza coas poboacións bíblicas.

Os trullos son as edificación tradicionais que se conservan en Alberobello e por todo o val de Itria, na rexión de Apulia. Están construidas totalmente en mampostaría seca – sen cemento nen argamasa – e polo seu aspecto parecen sacadas dun conto infantil.

Parece ser que no século XVI os condes de Conversano autorizaron o asentamento de campesinos no lugar sempre e cando fixeran vivendas que foran fáciles de derruir, e así evitaban pagar o imposto que gravaba a creación de novas poboacións no reino de Ńapoles. Na vila de Alberobello consérvanse uns 1600 trullos distribuídos en dous extensos núcleos, moitos deles habitados e restaurados usando as técnicas tradicionais de construcción, o que servíu para que o conxunto fose declarado Patrimonio Mundial da Humanidade.

Concluímos esta viaxe por Italia en Polignano a Mare, unha vila do Mar Adriático con un casco antigo edificado sobre os cantís que dan ao mar.

Esa noite durmimos no Aeroporto de Nápoles, nunhas cabinas moi prácticas para a corta estancia que nos restaba antes de coller cedo o avión de volta. Despedímonos coa vista do Vesubio sobre Nápoles ao mencer.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *